A parroquia de Aciveiro celebrou tres días de festa e romaría honrando a súa patroa a Nosa Señora e o San Roque con grande concorrencia que se veu sorprendida na tarde do sábado pola treboada que se rexistrou en numerosos puntos do Concello de Forcarei ao igual que outras zonas de Galicia. Malia todo, as festas resultaron moi concorridas e veciños e festeiros puideron gozar dun excelente programa repleto de cultos relixiosos, música, gastronomía e actividades recreativas que teñen por escenario o espléndido mosteiro cisterciense de Aciveiro e o seu entorno.

Na primeira xornada do venres houbo de cea popular pagada a escote polos numerosos asistentes e amenizada por dúas agrupacións musicais. O sábado, propio día da patroa e domingo houbo misas rezas e cantadas e procesións na espléndido marco da igrexa monacal da que Nosa Señora saíu acompañada dos dous santos máis presentes nas parroquias galegas: San Roque e Santo Antonio. Nas procesións a música correu a cargo de Grupo de Gaitas de Forcarei e dos Alegres rexistrando notable asistencia de devotos que ofreceron candeas e esmolas a Virxe e os santos.

Houbo concerto de Susana Seivane, actuación do humorista e actor Xosé A. Touriñán, e verbenas coas orquestras "Olympus" e "Unión y Fuerza", o trío "Máster", o "DJ Marcos Magán" e a "Charanga Os Verbeneros", así como o tradicional campionato de chave e diversas atraccións e actividades para rapaces e maiores.

Compre subliñar que continuara aberta todos os fins de semana deica o 14 de outubro en horario de maná e tarde a exposición do pintor Xosé María Barreiro e do artesán forxador Xosé Antonio Lalín, que fora inaugurada nestas festas patronais nunha das sas do cenobio cisterciense.

Os dous artistas son nativos de Forcarei e a exposición conxunta foi organizada pola Asociación de "Amigos do Mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes" e cuxa vista recomendamos ao tempo que a da igrexa e o mosteiro, conxunto que foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional en 1931 e BIC de Galicia na actualidade, sendo restaurado en 2005 e cedido para un hostal-monumento, non sendo doada a súa visita ao longo do ano.