O xurado do III Concurso Balbino de Relatos, que convoca a Fundación Neira Vilas, deu a coñecer onte a obra gañadora entre os 21 propostas. Máis alá do río do esquecemento, do sevillano pero con ascendencia galega Ricardo Ferreiro Almeda, impúxose nesta convocatoria, polo que o autor recibirá 1.500 euros e ademais verá publicada a súa obra en Edicións Fervenza.

O tribunal desta convocatoria estivo composto polos profesores e escritores Carlos Loureiro e Maica Caramés, así como pola escritora e poetisa Rosalía Morlán, o escritor, investigador e crítico literario Armando Requeixo e a escritora, poetisa, crítica literaria e directora editorial Ánxela Gracián. O tribunal fai fincapé en que Máis aló do río do esquecemento "ofrece a recreación do mundo xenuino do rural limego, polo que transitan personaxes de innegable atractivo e que protagonizan historias ben diversas con finais sorprendentes". Alude, tamén, á súa estética depurada, á sólida caracterización das personaxes e á acaída revisitación da mitoloxía e do lendario popular galegos. O concurso Balbino de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra e os concellos de Boqueixón e Vila de Cruces. Ricardo Fereriro xa leva gañado máis de 30 galardóns, como o Premio Platero ou o Premio de Relato Breve Ateneo de Córdoba.