A parroquia lalinense de Doade ultima os detalles do que será a súa XIX Festa da Malla Tradicional, que se celebrará o sábado con múltiples actividades. Artesanía, unha exposición fotográfica, comida popular e moita música acompañarán á recreación desta actividade ancestral. No vindeiro ano solicitarán de novo para que sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

A xornada festiva arrancará ás 11.00 horas coa apertura dos distintos postos de artesanía popular. "A día de hoxe xa hai contratados unha ducia de artesáns de toda Galicia", sinalou onte Manuel Blanco, director do Museo Etnográfico Casa do Patrón, durante a presentación do evento. Blanco estivo acompañado polo concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e por outros colaboradores da malla: Maximino Míguez, Avelino Jácome e Amparo Blanco.

As exposicións tamén estarán moi presentes. Os asistentes poderán ver o transcorrer desta celebración a través de imaxes, xa que haberá unha mostra de fotografías de todas as edicións anteriores. A isto súmase a exposición de motores, de distintos países e épocas, aventadoras e distinta maquinaria. "Este ano traeremos algunha novidade en motores, e tamén poñeremos en marcha alí o motor, que xa todos coñecedes, o de 1874.,e tamén aumentará a colección de tractores de época", conta Maximino Míguez.

Unha das grandes novidades de esta edición será o carrexo de mollos e máquinas cunha xugada de vacas do país, tal e como adianta Manuel Blanco "aínda que xa empezamos o ano pasado, este vámolo facer un pouco máis completo. Non é fácil atopar xa unha xugada de vacas do país e tivemos que ir a Chantada e será un gandeiro de alí, que forma parte da directiva de Acruga, Castor, que nos fai o favor de vir desde alá".

Será ás 12.00 horas cando arranque a malla tradicional coa recreación de como se facía esta actividade ao longo da historia: á pedra, con males, con máquinas e co tractor. "Esta é a malla máis grande de Galicia, tanto polo número de participantes como pola afluencia de público", indica o presidente do museo. A exposición permanente do museo conta con máis de 4.500 apeiros e varios xogos completos de motores, malladoras e aventadoras, procedentes de distintas zonas da comunidade. O museo leva anos traballando na recreación desta labor "como homenaxe aos nosos antepasados" e tamén "porque a malla representa o traballo colectivo máis relevante da historia do campo galego, tanto pola magnitude e importancia a nivel económica e social, como pola súa duración ao longo de centos de anos e da masiva participación dos veciños da mesma", manifesta Blanco. Durante a cita tamén se premiará ao home e á muller que mellor vaian vestidos de época. "O xurado estará composto por representantes da prensa, polo presidente da Asociación de Veciños de Zobra e polo da asociación de Cercio".

Despois terá lugar un xantar popular nunha carpa e haberá servizo de pulpeiro e menús a prezos populares. O ano pasado contabilizáranse unhas 600 persoas que se reuniron para comer. A festa continuará pola tarde coa celebración da cuarta edición da Ruada da Malla. Nela os encargadas de amenizar a xornada serán sete agrupacións: Acordeóns de Vila de Cruces, Pandereteiras de Zobra, Grupo Xermolos da Carballeira (Cercio), Pandereteiras a Xariza (Parada), Cantareiras Maruxeira (Vilatuxe), Grupo de Gaitas Os Dezas (Moneixas) e o Grupo de Gaitas Os Trasnos (Doade).

Avelino Jácome, Amparo Blanco e Francisco Vilariño aproveitaron a ocasión para convidar a todos a vivir esta festa tradicional. "Este tipo de eventos enriquece en diferentes termos o que é o noso concello, e eu creo que a gran dificultade das cousas é que perduren no tempo", manifestou o concelleiro de Turismo e eloxiou a "persistencia e o traballo" da entidade organizadora, así como o museo, "que para min é o mellor museo etnográfico de Galicia"