Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Faustino García Piñeiro: "O fundador da primeira casa de Agolada chamábase Juan García de Borbón, como o rei"

"Veu de Asturias e montou unha fábrica de caldeiros de cobre e tamén unha taberna e unha tafona"

Faustino García diante da primeira vivenda que se fundou en Agolada. // Bernabé/Javier Lalín

Todo pobo ten unha historia e a tradición oral é a a gran aliada para poder transmitila. A vila de Agolada comezou coa colocación dunha pedra que daría lugar á primeira vivenda do casco urbano. Faustino García Piñeiro pertence á duodécima xeración do seu fundador e na actualidade vive nunha parte desa primeira construción, xa que se foi ampliando por zonas. Fausto, que así é como o coñecen os seus veciños, á idade de 84 anos e de carácter afable, é unha caixa de sorpresas e ten moito que contar das memorias de Agolada.

- Como se fundou a primeira casa en Agolada?

- O dono veuse de Asturias co caldeireiro de Silleda, que era o seu curmán, creo. El fixo aquí un pendello e montou unha fábrica de caldeiros de cobre. A medida que o negocio foi indo ben, foi aumentando as casas. Da primeira delas estamos falando de 1700 e a seguinte que fixo foi de 1800 e algo, á que xa lle chamaban moderna Foi un señor que traballou moito. Desde aquí levaba unha recua de machos e ía a Lugo, pasando pola Espina, Oviedo e a Filguera, que xa daquelas fundían alí o cobre e o aluminio. Levaba unhas albardas cuns trípodes alí no macho e cargada de chapas. Había uns paraxes, como hai agora para coches. El saía desde alá, sacaba as albardas, as chapas e poñíanlles unhas boceiras aos machos, xa que se non comían o millo. Durmía nas pallas e despois volvía cargar os machos ás seis da mañá e cada semana facía unha viaxe. Ademais de facer caldeiros tamén tiñan taberna, e despois compraron unha viña no Ribeiro e así cos caldeiros tamén levaba viño...Así mesmo, noutra casa que temos, formaron unha tafona, unha fábrica de pan e tamén repartían pan, traían sal, que diso aínda me acordo eu. Viña unha carroceta desde A Coruña con 1.500 quilos de sal con rodas macizas e o día 12 vendíase todo aquí.

- Por que viñeron para aquí?

- Non sei ben, porque todo o que había aquí era monte. Estou falando de fai 300 anos, pero penso que foi porque era parente do caldeireiro de Silleda. O que fundou isto, o meu antepasado, levaba o nome e os apelidos do rei, chamábase Juan García de Borbón.

- Cando vostede naceu como estaba Agolada?

- Pola parte da estrada xa se fixeran case todas as casas. Aquí había cinco ou seis familias que eran as que tiñan a propiedade toda.

- Cando naceu seguían co negocio dos caldeiros?

- Eu acordo a vender 16.000 pesetas dos últimos. Daquelas o cobre xa estaba moi caro. E pouco a pouco foron deixando todos.

- Había moita xente de paso por Agolada?

- Por aquí viñan os aguardenteiros que ían para A Coruña en mulas ou bestas e viñan cos pelexos. Aínda que aquí non se dedicaban a dar comidas, quedábanse a durmir. O meu pai tivo a liña de transporte que vai a Curtis e aí en Toques xa viña o tren, e el ía coa zorra de 1.000 quilos, con tres ou catro mulas, e ía cargada de fariña, minerais, sal... Contaba unha anécdota que aí nas torrentes, el tiña unhas mulas moi ben educadas, levaba unha besta de guía e se coñece que conduciu mal e tomara un brañeiro e case lle envorca a zorra. Eran as dúas da mañá así que botouse a durmir, que el era moi tranquilo, á maña soltou as mulas e baleirou, quitou a carreta, volveu cargar e arreou para a casa.

- Porén, é na parroquia de San Pedro de Ferreiroa na que se sitúa o pobo de Agolada.

- Ferreiroa creouse antes de isto e chamáronlle así porque alí había una mina de ferro, e tal e como nos contaban os nosos pais, porque non hai nada escrito, había unha señora que levaba a ferrería. Eu aínda recordo pasar pola ponte e que estaba todo cheo de escombros de fundilo ferro. E había unha presa do río e con esa agua mallaban o ferro. Creo que o ferro alí era moi pobre e entón deixaron de facelo.

- Como ve vostede a restauración dos Pendellos?

- Houbo un avance en certos sentidos, pero noutros non tanto, porque os Pendellos estaban como na antigüidade, cunha pedra para aquí e outra para alá. E agora a xente veos moi ben arregladiños, pero son feitos de agora, quén di que foron de antes. Algúns escribiron a súa maneira, pero os que sabemos as cousas somos nós.

- Aquí ao lado tamén houbo unha cárcere.

- Si, aí enfronte.Aquí había dúas cadeas, case do groso da miña man, cunha argola e había un zoco e poñíanlle un cadeado e os presos xa nin se movían.

- E como lembra o que era antes a feira do doce?

- Dicíase que estivera nos Chaos de Aián, pero que non a querían porque a xente ía con gando e pisáballes todo. Así que houbo algún agudo que a levou para Ventosa, pero non sei o que pasou, e un notario que había aquí, de Ferreiroa, fixo un cercado por esta zona, que estaba sen casas ata as feiras das vacas, e meteuna aquí. Despois partiron o monte e levárona para a Praza da Verdura. Antes a feira de Agolada era un fervedoiro de xente. Viñan andando e as transaccións eran tremendas, viñan catro ou cinco camións de becerros. Despois o alcalde que acaba de morrer díxonos que se lle dabamos a metade das fincas, que teñen máis de 500 metros, a cambio de solares por aquí, se faría a feira alí arriba. Fíxose, pero como todas as cousas cando se andan cambiando, acábanse perdendo,e agora desapareceu case por completo, solo hai uns poucos comerciantes que veñen vender.

Compartir el artículo

stats