-Teño oído que vostede lle dá moi ben á música.

- A miña nai xa era cantora. E eu toco a trompeta e fun un dos fundadores da banda de Agolada. Estiven na municipal de Redondela, bueno nunhas 15 bandas, tamén en grupos, en corais e cando tiña 12 ou 13 anos tiñamos un conxunto aquí en Ventosa dunhas voces extraordinarias. Había un que se chamaba Clemente, que tocaba a trompeta e que en Cuba fora sarxento, e ensaiábanos el. Aínda que realmente cando empecei a cantar tiña cinco anos e foi na capela de aquí. Tiña un tío mestre, don Jesús, o chamado mestre de Agolada, que de feito, o consistorio estaba en Borraxeiros e foi el quen o trouxo para Agolada, aínda que despois volvéronllo levar e outra vez volveuno traer. Antes os sábados había escola, cando non había era os xoves, e pola tarde,el aproveitaba para facernos instrución, cantar... Era un home moi progresista. Tiña mal xenio, pero con el as cousas andaban ben.

- Pero por que foi o seu debut nunha capela?

- Había un cura de Ventosa, que lle chamaban o Casanova e era tatexo, el comía aquí na casa e escoitoume cantar e díxolle a meu tío que me preparaba para cantar os responsos. E como o meu tío mandaba máis có meu pai, houbo que facelo. Cando cheguei á misa, deume entrada o cura, empecei a cantar e a xente quedou admirada, porque ver alí arriba un neniño de cinco anos..., e non aplaudiron porque non era o lugar. Aí xa empezou todo e digamos que todo foi pola que xa era miña nai. A ela levábaa seu pai nunha besta para ir cantar aos bautizos, comuñóns, casamentos... Ao mellor ía uns cinco quilómetros na besta.

- En Agolada a xente nova sigue coa tradición das bandas.

- Si, aínda que tocar supón moito, porque tés que ensaiar, ir tocar e non ganas nada. Eu por que toco? Porque me gusta e fágoo todos os días porque no meu instrumento é necesario. Xa dicía o meu profesor: "Un día sen tocar es un suicidio, y dos es la muerte". O do beizo hai que exercitalo tódolos días, porque as notas dalas ti aquí no beizo.