Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ana Romaní: "Agardo ter devolto socialmente o que o Diario Cultural me deu"

A condutora do programa da Radio Galega recibirá o galardón das Nosas Músicas o vindeiro 14 de agosto

A xornalista Ana Romaní, coñecida polo programa Diario Cultural.

Falar da intensa traxectoria que vencella a Ana Romaní coa órbita cultural é precipitarse a un tempo perenne.A xornalista, locutora, escritora, poetisa e, dende o ano pasado, electa académica pola RAG, recibirá o galardón que reserva As Nosas Músicas ás figuras e colectivos impulsores da cultura galega. Así o estimou a asociación A Xesteira que organiza o festival de Couso e, por medio da sonoridade das súas verbas, así o ven a demostrar a galardoada.

-Que supuxo para vostede recibir a nova da entrega deste premio?

-Unha honra. É un premio que aprecio especialmente porque está promovido por un festival que leva tantos anos de encontro coa música galega. E máis por vir da asociación A Xesteira, que se inscribe nese traballo fundamental da cultura dende a base. Sen colectivos nin traballos así unha cultura non respira e a cultura galega se é, é por este tipo de esforzos. Eu creo que non podemos esquecelo nin deixar de valoralo.Entón, este premio ten para min un valor engadido polo lugar de onde ven.

-Facendo un exercicio de retrospectiva, como percibe o feito de estar ao fronte dun programa radiofónico como é o Diario Cultural durante 28 anos?

-Moita experiencia, moitas vivencias. A nivel persoal enriqueceume moito. Agardo, dalgunha maneira, ter devolto socialmente todo iso que me deu o Diario. Foi un traballo dun equipo sucesivo de profesionais, no que, por certo, estivo tamén Carlos Blanco. Ademais, foron moitas mostras de apoio e de afecto que fomos recibindo dende maio, das que estamos moi agradecidas. Non sabía ata que punto existía ese retorno, esa complicidade. Dalgún xeito todo isto da moito sentido ao traballo destes anos e semella que o Diario Cultural conseguiu trasladar esa visión colectiva e plural da cultura.

-Sen quedar á marxe das críticas e os apoios que se sumaron á protesta contra a decisión da directiva da Radio Galega de mudar o actual formato do Diario Cultural, que opinión lle merece a vostede esta acción?

-Eu aí pouco podo dicir. A CRTVG tomou a decisión e quen decide sobre a programación son os responsables. O único que podo dicir é que xunto cos compañeiros da radio e da televisión cada venres desde maio visto de negro. En definitiva, expresar unha opinión en público ás veces é un exercicio de alto risco e, neste sentido, eu súmome tamén as expresións que circulan de cara o apoio de certos profesionais da CRTVG.

-Como ve o panorama actual da cultura galega?

-Existe un tecido creativo moi importante mais falta apoio, articulación, estructura. Dalgunha maneira, os distintos proxectos culturais excusaron a ausencia de apoio económico e moitos sobreviviron grazas ao apoio colectivo, a través de mecanismos como o micromecenazgo. Creo que o público fíxose cargo e foi sostendo á cultura, pero isto non pode seguir sempre así.

Compartir el artículo

stats