Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A lenda do túnel ou pasadizo do Farelo

Din que entre este monte e a fortaleza de Castro de Amarante hai un paso subterráneo cheo de trampas que poden utilizar os habitantes do castelo para fuxir en caso de guerra

A lenda do túnel ou pasadizo do Monte Farelo foi recollida arredor do ano 1958 (hai 60 anos), por min, na parroquia de Soutolongo (Lalín). Téñolla escoitado en máis dunha ocasión ao barbeiro da parroquia, que era unha persoa cunha cultura popular elevada, cando acompañaba a meu avó, pola noite, para que lle cortaran o pelo e o afeitaran. Este barbeiro, nacido a finais do século XIX, era unha persoa coñecedora de moitas lendas, contos e relatos que lle chamaban a atención aos que acudían a súa barbería-perruquería. Hai que recoñecer que as lendas eran un motivo de conversación relativamente frecuente nos lugares onde a xente, sen ningunha prisa, se reunía por algún motivo e se poñía a falar de todo o que era de interese para unha sociedade rural tradicional. Contos e lendas eran unha parte dos repertorios.

O Monte Farelo, formado por rochedo granítico e integrado na Gran Dorsal Galega, acada unha altura de 952 metros e serve de fronteira natural, nesta lalitude, entre a Galicia Costa, provincia de Pontevedra, e a Galicia Interior, provincia de Lugo. Na cima deste monte existe un pequeno altiplano dunhas catro hectáreas de extensión, que no pasado estivo rodeado por un rústico muro de pedra, actualmente case desaparecido. Non sabemos se ese muro ou valado serviu para acotar un recinto sacralizado no que se atopaba a ermida de San Silvestre, trasladada a comezos do século XX (posiblemente) á aldea de Monte (Ventosa, Agolada) ou se tiña outras funcións. Fora o que fora, o caso é que aquí chegou a celebrarse un festa moi concurrida polos habitantes das parroquias do contorno, sen que ningúns deles tiveran unha xurisdicción efectiva sobre este dominio.

A unha distancia en liña recta duns tres quilómetros, en dirección NL, atópase a fortaleza de Castro de Amarante, levantada no século XIII, sobre os restos dun poboado castrexo, segundo se recolle nalgunhas publicacións. A distancia existente entre estes dous enclaves non é o máis chamativo, senón a diferencia de nivel, porque o Farelo está a 952 metros de altitude e a fortaleza de Castro de Amarante atópase a 545, polo que o seu desnivel sobrepasa os 405 metros. E isto hai que telo moi en conta porque, na lenda, os movementos van, en principio, desde o baixo cara o alto, desde a fortaleza cara a cima do Farelo. Na maioría das lendas de pasadizos subterráneos en castros, que coñecemos, van de arriba cara abaixo (pero son reversibles): os mouros ían a buscar auga a ríos e mananciais que se atopaban por debaixo dos poboados...

Covas en dominios graníticos

A existencia de covas en dominios graníticos, como o Farelo, é coñecida en Galicia desde hai pouco máis dunha década. É o caso das covas da Trapa, na Serra do Galiñeiro, posiblemente a maior de España, que foi descuberta no 2007 a partires da existencia dunha lenda e tamén porque os paisanos coñecían gretas e o gando perdíase con bastante frecuencia no monte. As covas do Folón teñen, asimesmo, unha gran importancia, porque nelas atopáronse restos de utensilios do Neolítico.

Tendo en conta todo isto e as referencias dalgúns veciños da aldea de Monte (Agolada) é moi posible que no Farelo existan covas naturais de lonxitude e profundidade indeterminadas, que ben puideron ser a base da lenda aquí referida. Se observamos o mapa xeolóxico desta zona apreciamos a existencia de varias fendas, fracturas e fallas de dirección SO-NL, que poden servir de liñas de dislocación da masa granítica e polas que é posible que se formaran covas, de momento descoñecidas. O seu descubrimento e estudo serían de gran importancia xeolóxica.

"Din que entre o castelo de Castro de Amarante e a cima do Farelo hai unha especie de pasadizo subterráneo que poden utilizar os habitantes do castelo para fuxir do inimigo, en caso de guerra, asedio ou asalto á fortaleza. Ninguen sabe como é o pasadizo porque é moi dificil meterse por el, e o seu interior está cheo de trampas que tan só poden evitar os que as coñecen. Esas trampas fixéronas os que construiron o pasadizo para que ninguén puidera ir detrás deles en caso de persecución.

O galo que salvo as trampas

Contan que algunhas persoas se meteron cara adentro pero tiveron que dalas por desaparecidas, porque non se volveron a ver nunca máis. Por iso, agora, ninguén se atreve a meterse dentro para recorrelo e saber ata onde vai, pero teñen obrigado a entrar a varios animais, como ten sucedido con algúns cans. Entraban pero non volvían, nin aparecían en lado algún. Pasáballes o mesmo que as persoas que desapareceran.

Nunha ocasión meteron un capón, que tampouco regresou, pero pasados uns tres días, uns pastores, que andaban coas ovellas na cima do Farelo, quedaron totalmente sorprendidos ao escoitar como, no alto, cacarexaba un capón. Ao pouco viron o capón e púxeronse a correr detrás del para apresalo. Atáronlle as patas, para que non escapara e, á caída da tarde, cando voltaron coas ovellas, levaron o capón para a aldea e contaron o que lles pasara. Ninguén daba crédito ao que dicían, por iso, o conto correu rapidamente polas aldeas e pronto se soubo que aquel capón fora o que meteran, días antes, na boca do pasadizo no castelo de Amarante.

Despois de todo o sucedido e de ver o que lle pasou ás persoas e a distintos animais que se meteron polo pasadizo adiante, puido entenderse o que sucedía. Desde o castelo de Castro de Amarante ata a cima do Farelo hai un pasadizo subterráneo cheo de trampas para atrapar aos que se metan por el perseguindo aos ocupantes do castelo, en caso caso de fuxida. Ao longo do pasadizo hai unha especie de pozos cubertos con tampas movedizas semellantes a un ichó (trampa feita con tablas lixeiras que se coloca camuflada no chan, por encima dun burato no que caen as perdices, cando pasan desprevenidas por encima). No caso do pasadizo esas trampas tipo ichó deixan caer a todos aqueles animais de certo peso, como persoas e cans, pero non se moven cando pasan por encima os que teñen pouco peso, como é o caso dos capóns.

E iso é o que se pensa que sucedeu co galo que meteron no pasadizo no castelo de Amarante. Como tiña pouco peso tirou para adiante e pasou por encima das trampas, sen que estas funcionaran, e despois de moito andar a cegas chegou á saída oculta, que está escondida na cima, ou cerca dela, do Farelo.

Algúns contan que as trampas que hai ao longo do pasadizo non son desa forma, senón que, en determinados sitios, atópanse dous xigantes de pedra, un fronte ao outro, e cando se achegan as persoas que van polo pasadizo, chocan un contra o outro e esmagan aos que pasan entre eles".

Segundo o barbeiro de Soutolongo, hai quen afirma que cerca da cima do Farelo existe unha especie de burato polo que se sospeita que saiu o capón desta historia e, para comprobar se era certo, fixeron a proba ao revés. Meteron un capón por ese burato e uns días despois apareceu dentro do castelo de Castro de Amarante. Quedaba, polo tanto, demostrado que estes dous sitios estaban comunicados por un pasadizo subterráneo.

O relator desta lenda afirmaba que nunha ocasión, cando era mozo, el e outros veciños desprazáronse en bicicleta ata o castelo de Castro de Amarante, coa intención de ver ese pasadizo, pero unha vez no lugar, non puideron entrar na fortaleza porque estaban as portas pechadas e non houbo quen lles abrira. Entón adicáronse a preguntarlle aos veciños que atoparon polos arredores e todos lles confirmaron a existencia da lenda do pasadizo nos termos descritos. Tamén lles dixeron que a existencia dese pasadizo no interior do castelo tan só a coñecían os seus propietarios, porque estaba tapada e o que se dicía acerca dos cans e do capón fora algo que non sucedera daquela, senón en tempos pasados, cando os propietarios eran outras persoas distintas.

E sempre terminaba dicindo: "Así que non puidemos saber nada máis".

Compartir el artículo

stats