Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Susana Seivane Hoyo: "Hoxe hai o mesmo número de gaiteiras que de gaiteiros"

"O meu novo disco é moi persoal, está adicado á maternidade e aos meus fillos"

Susana Seivane, coa Banda de Agolada no 2012. // Bernabé/Gutier

Dela chegou a contar o seu pai Álvaro que "non deixo de recordar aquela nena, miudiña, traste e agarrada ao mango dunha vasoira a xeito de micrófono, cantando, bailando e imitando a Miguel Bosé". Hoxe, Susana Seivane é unha das grandes estrelas xurdidas do boom da música folk, que levou ao primeiro plano o traballo dun feixe de gaiteiras solistas e un dos nomes con maior proxección internacional. A gaiteira actúa esta noite a partires das 23.30 horas na Avenida Aviador Gumersindo Areán de Rodeiro nun concerto de balde.

-Cómo vai a xira de 2018?

-Está bastante chea. Temos moito traballo, pero bueno estou moi contenta. A verdade e que é a época na que máis concertos hai e na que máis festivais temos. Tamén traballamos no inverno, pero noutro tipo de eventos porque hai circuitos de teatros e de festivais, sobre todo fóra. Sen dúbida o verán é o noso forte como músicos.

-Qué vai tocar no seu concerto de Rodeiro deste venres?

-Pois mira, imos facer unha pequena viaxe por todos os discos que levo editados, pero tamén vou levar varias primicias do novo traballo discográfico que sairá o 14 de setembro e que se chama "Fa", que non é pola nota musical, é polas inicais dos meus fillos Fiz e Antón. É un disco adicado á maternidade e aos meus fillos, onde hai nanas, temas nos que quixen reflexar moitos sentimentos e moitas vivencias que tiven durante os embarazos e sendo mamá. É un traballo do que estou moi orgullosa porque é un disco todo de música composta, non hai tradicional, e polo tanto é un disco moi persoal, claro. Entón, posi faremos catro ou cinco temas do disco. Ademais, estarei acompañada dunha nova banda na que hai dúas novas incorporacións que lle deron unha caña e unha enerxia á miña música tremendas.

-A súa música é máis contemporánea de xeito consciente?

-É que é o que me gustou sempre facer. Digamos que ao longo dos distintos discos que fixen hai unha evolución que aparece de xeito natural, buscando un pouco ese estilo que teño agora. O meu estilo de tocar a gaita segue sendo o mesmo, pero no acompañamento deste instrumento hai cousas máis contemporáneas, con algún guiño ao rock ou ao funk,. E a verdade que estou moi contenta co resultado porque estamos a facer uns directos moi enerxéticos, moi divertidos e con moita participación do público. E tamén con moitas sorpresas. Está moi choulo agora o espectáculo, a verdade.

-Cumpría darlle ese toque tan moderno ao son da gaita galega?

-Non é que faga falta. Eso vai tamén no que queira cada un. Por exemplo, hoxe en día en Galicia hai moitos grupos cun talento impresionante que van máis polo tradicional, outos son máis festeiros e outros teñen un toque máis electrónico. Penso que todo está en relación co gusto que teña cada un. Eu sempre bebín das fontes tradicionais tendo como gran referente ao meu avó Xosé Manuel Seivane, e iso axudoume moito a acadar o estilo que teño hoxe en día cando interpreto a gaita galega. Aínda que a miña maneira de interpretar a gaita sexa un pouquiño enxebre tirando á evolución, si que busquei sempre ese contraste con outros tipos de instrumentos que non teñen por qué ser tradicionais, como son unha batería, un baixo eléctrico, unha guitarra e demais.

-Cal é o papel actual da muller no eido da música de gaita?

-Tampouco estamos nun momento moi bo como para que saian novos artistas ou solistas. Eu collín unha época moi boa para adicarme a isto profesionalmente porque collín aquel bum dos noventa que foi tan necesario e tan importante para dignificar a nosa música. O que teño claro é que hoxe en día hai o mesmo número de mulleres gaiteiras como de gaiteiros. O que pasa é que están máis en grupos ou máis en bandas de gaitas, onde pasan algo máis desapercibidas. En canto as solistas, pois sí que somos poucas. Por certo, que agora Cristina Pato está bastante centrada na súa carreira como pianista. É cousa de casualidades e de épocas porque supoño que seguirán aparecendo máis mulleres. O certo e que estar están aí. Unha das miñas gaiteiras favoritas, ou por non decir a miña gran gaiteira favorita, é Magoia Bodega, que está con Treixadura. Ela ben podería sacar ao mercado un disco soa porque tén unhas composicións preciosas. Eu graveille moitas delas nalgún dos meus discos, pero bueno, supoño que é cuestión de apetencias e que lle apetece máis estar no seu grupo Treixadura.

-Vostede tamén sabe tocar outos instrumentos como o piano ou o acordeón. Qué foi o que lle namorou do son da gaita galega?

-Tén algo especial, unha maxia no seu timbre, na súa sonoridade, o que a fai diferente e remove cousas por dentro aos que a escoitan. Ademais de ser o estandarte dun país, Galicia, por suposto. Como che decía antes, eu fixábame sempre moito no meu avó e no seu xeito que tiña de interpretar e de tocar, de cómo facía os adornos. A gaita é un instrumento que o escoita un estranxeiro, aínda que nin el nin os seus ancestros teñan que ver con Galicia, e póñesenlle os pelos de punta. Pasa sempre, non falla.

-Hai canteira?

-O certo é que hai moitísimos rapaces que cada vez empezan antes a tocar. Isto é novo porque fai anos era máis difícil que agora. Ademais, existen numerosas asociacións e agrupacións que están a traballar para manter viva a nosa tradición de tocar a gaita. Penso que temos gaita para rato.

Compartir el artículo

stats