O fondo documental do Pazo de Pardiñas, na parroquia lalinense de Noceda, está xa no Arquivo de Galicia, ubicado na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, agradece "a xenerosidade e altura de miras" da familia propietaria, López López, pola doazón.

A decisión permite que este legado arquivístico inédito estea, desde onte mesmo, a disposición do conxunto dos galegos e, con particular interese, dos investigadores. Neste sentido, o político lalinense titular de Cultura da Xunta de Galicia fixo un chamamento a que esta conduta "exemplar e exemplarizante" teña novos adeptos "e poidamos seguir, entre todos, engrandecendo o Arquivo de Galicia e facendo país.

Nestes momentos, os fondos do Arquivo de Galicia están conformados por 163.840 caixas que ocupan un volume de 18.857,89 m3. As doazóns privadas representan aproximadamente un 1% sobre o total de fondos. A doazón procedente da casa de Pardiñas é a primeira que fai un pazo ao Arquivo de Galicia.

No acto, amais do conselleiro, participaron Roberto López López, doador do arquivo, e outros familiares (Lourdes López López, Miguel Piñón Castro e Maruja Tábora); o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a subdirectora xeral de Arquivos, Marina García Pita; ou o investigador e cronista lalinense, Daniel González Alén, entre outros. Román Rodríguez salientou que o seu departamento vén de poñer en marcha unha liña de axudas para a dixitalización de fondos patrimoniais, dirixida a entidades públicas e organizacións privadas sen fins de lucro e que conta cun orzamento total de 800.000 euros. Esta actuación enmárcase na iniciativa Memoria dixital de Galicia para promover a conservación do fondo patrimonial galego e para facilitar o seu acceso universal. Isto garántese a través do portal http://www.galiciana.gal, posto en marcha en decembro do ano pasado co obxectivo de consolidarse como a porta de paso a todos os fondos dixitais das bibliotecas, arquivos e museos do país.

Cinco séculos de historia

O arquivo familiar do Pazo de Pardiñas, que custodiará a partir de agora o Arquivo de Galicia, atesoura material que dá testemuño de cinco séculos de historia, determinantes para a comarca de Deza pero tamén para o conxunto de Galicia. Non en balde, este legado permite achegarse á historia socioeconómica da comunidade nas épocas moderna e contemporánea, o que o dota dun indubidable valor cultural. Asimesmo, o conxunto doado ofrece información relevante para coñecer a historia da familia pacega e a evolución do seu patrimonio.

Concretamente, os documentos foron producidos polos diferentes membros da familia desde a orixe do pazo, no século XVI, ata 1942, e conforman un volume de doce unidades de instalación. En xeral, presentan un bo estado de conservación e están relacionados coa adquisición ou administración de propiedades (testamentos, árbores xenealóxicas, escrituras de compravenda e de doazón, memorias de bens, escrituras de partilla, apeos e prorrateos de bens, preitos...), tanto nas terras de Deza e Trasdeza coma nas do Ribeiro.

Situado na parroquia de Santa María de Noceda, o Pazo de Pardiñas foi fundado no século XVI por Gonzalo Taboada e Ulloa na granxa recibida pola herdanza de seu pai, Alonso Núñez de Taboada, señor de Bendoiro de Abaixo, á que foi incrementando diversas adquisicións ao longo da súa vida.