Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gabriel Estrada: "Gañar por segundo ano o concurso da Canción do Verán vale para dicirme que non o deixe"

"Chegado o momento refírese a que debemos vivir do que nos gusta ou, polo menos, intentalo. Teño claro que vou seguir compoñendo"

Gabriel Estrada, nunha das rúas da vila estradense. // Bernabé / Cris M.V.

Gabriel Blanco, mellor coñecido polo seu nome artístico, Gabriel Estrada, vén de ser elixido por segunda vez consecutiva gañador do concurso Este verán canta con nós, promovido pola Televisión de Galicia que anda na procura do tema perfecto para amenizar o estío. Tanto no tema do ano pasado, Xunto a ti, como no deste ano, Chegado o momento, subxacen historias e ritmos que, a simple vista, semellan pasar desapercibidos.

-Que mensaxe implícita pretede dar con Chegado o momento ?

-Gústame poñer títulos esperanzadores, que den un plus de vitalidade e esperanza. Xunto a ti, en realidade, é como eu me sinto cando estou rodeado dos meus amigos. Chegou o momento fala dos momentos vitais, desas paixóns ocultas que nos fan ben pero que non podemos vivir delas que, no meu caso, sería a guitarra ou, no caso do meu padriño, a xardinaría, aínda que traballe nun matadoiro. Todos temos algo dentro de nós oculto que nos gusta, que nos carga as pilas, debemos manter esa paixón viva, para poder seguir vivindo pero non nos paga as facturas. Chegou o momento refírese a que debemos vivir do que nos gusta ou, polo menos, intentalo.

-A que cre que se debe esta escolla por segundo ano consecutivo?

-A que se aliñaron os astros (risas). Non sei que tipo de valoración seguiron pero supoño que se debe a que é un tema movido, alegre, bailable e en galego.

-É esa unha característica súa, escribir as cancións en lingua galega?

-Si. Unha vez que volvín á terra empecei escribindo en galego, mais iso non quita que vaia a facer outras cousas en castelán máis para adiante, aínda que agora compoño moito en galego.

-Máis alá de ser cantautor, como repercute o xeito de traballar só na súa traxectoria artística ?

-Pois é triste e gústame á vez. Gústame tocar acompañado, como tamén me gusta que alguén me vexa para ofrecerme algún concerto. Logo, cando preparo actuacións máis grandes, intento convocar a medios, managers, promotoras... e rara vez atopo algún que faga o seu traballo, que debería ser apostar por xente nova ou grupos noveis.

-Cal é a vida que lle agarda, entón, a un cantautor?

-Pois é bastante complicado vivir das túas cancións. De feito eu teño tres traballos para intentar solapar un pouco os gastos do material. Ao meu nivel, de momento, non podo vivir só da música e xa nin mo plantexo. Están moi ben as palmadiñas nas costas ou ver algún galardón de vez en cando para dicirse a un mesmo: "non o deixes, que o vales."

-Procede do mundo da interpretación e móvese ben no audiovisual. Consegue orientar a música cara ambos trazados?

-Si, si. De feito, hoxe en día a música ten que ir ligada ao proxecto visual. Así foi no Festival de Cans, por exemplo, onde ti podes dar un concerto se tes videoclips ou se tes un show visual á parte das túas cancións. Vai resultar moito mellor.

-Como viviu traballar co método crowdfunding ou micromecenazgo para financiar o seu segundo traballo?

-Ben. Tiven setenta e pico persoas que colaboraron. Ao final chegamos ao obxectivo, que eran 2.000 euros. Logo grabamos o disco e xa o ano pasado, a mediados da grabación, enviaramos un dos temas ao concurso da Canción do Verán. Saíu galardoado e, este ano, enviamos outra canción e saíu galardoada tamén. Dous anos seguidos...

-A que se debe esa "obsesión polos sentidos" que aparece na súa páxina crowdfunding?

-Cando comecei a compoñer, entereime de que o ser humano ten emocións básicas, algo que xa vén no primeiro disco. Fixen unha canción por cada emoción básica: a risa, o medo, o pranto, o erotismo, a rabia... Entón unha das cancións ía enfocada á emoción e pensamos en poñer aquela frase porque son unha persoa moi metódica á hora de gravar...Agora xa atopei unha persoa que me vai guiando mellor neste sentido. Chámase Iago Pico. Temos unha relación de amor-odio, pero vouno levando mellor (risas).

-Esta profundidade nos sentidos está presente en todo o seu repertorio?

-Si. Eu sempre intento que as cancións teñan un trasfondo que non sexan simplemente unha letra bonita e que rime senón que diga realmente algo. Algunha mánager tenme dito que canto xenial ou que teño boa voz pero que as miñas cancións non lle "din" nada. Afortunadamente non todo o mundo opina igual: o chocolate é a cousa máis rica do mundo e non lle gusta a toda a xente.

-O Gabriel duns anos atrás víase compoñendo cancións para o verán?

-Non, nin de broma.O Gabriel duns anos atrás estaría enriba dun escenario, diante dunha cámara e nin sequera se vía poñendo copas (risas). O Gabriel duns anos atrás apostou moi forte polo que era a súa carreira de interpretación, por iso me fun tan lonxe e botei tantos anos fóra da casa. Despois, por motivos familiares, volvín e isto foi un pouco unha vía de escape. Ou sexa, mantiven o contacto co escenario a través da guitarra. E benvido sexa.

-E como se ve o Gabriel do futuro?

-Pois un nunca sabe onde vai acabar. A min gustaríame retomar a carreira de actor e que empezaran a saír cousas aquí por Galicia ou polo menos que a escena fose un pouco máis equilibrada entre os actores de sempre e os novos. Eu teño claro que vou seguir compoñendo, facendo cancións para a xente que lle guste a miña música porque, ao final, isto non deixa de ser algo que fas dende a paixón: é o que me carga as pilas polas mañás, entón non podo deixar de facer o que fago.

Compartir el artículo

stats