A xornalista silledense Ana Cabaleiro López -ligada no inicio da súa traxectoria profesional a Radio Estrada e agora á Deputación de Pontevedra- alzouse onte por unanimidade do xurado co trunfo no XXX Premio de Novela Manuel García Barros, convocado polo Concello da Estrada en colaboración coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia. Ana Cabaleiro fai historia. A novela titulada As Ramonas que presentou baixo o lema Coralia Fandiño convírtea na terceira muller en gañar este prestixioso galardón -dotado con 9.000 euros e a publicación da novela- en nada menos que 30 anos.

O seu é un "premio merecido", subliñou onte o secretario do xurado, o docente xubilado estradense Carlos Loureiro. Este tamén puxo en valor para A Estrada a "cercanía do espazo novelesco". Lugares da Estrada, Silleda e A Bandeira irrompen na súa obra se ben, como destacou o investigador, docente e crítico literario Armando Requeixo Cuba, o epicentro narrativo sitúase en Saídres (Silleda), lugar natal da autora.

Esta publicou a súa primeira obra - Sapos e sereas- hai pouco máis dun ano en Editorial Galaxia, tal e como recordou onte o representante da editorial, Carlos González de Lema Malvar. Este tamén quixo incidir en que a protagonista da novela gañadora do García Barros é unha muller, unha fotógrafa de vodas destas comarcas que de ser unha persoa de aldea cun traballo corrente consegue trascender a través da arte tras moitas vicisitudes. O feito de que perdera o carné de conducir propicia que toda a novela se desenvolva no interior de coches, na loita constante desta muller por "trascender" e "conquistar a liberdade", algo que lle "custa moito".

É o trunfo dunha "antiheroína do século XXI" -sinala o xurado- sobre as "continxencias cotiás", narrado "cunha prosa de extraordinario labrado", "magníficamente creada" -segundo a filóloga e docente de ensino medio María Eurlalia Agrelo Costas- na que adquiren un "protagonismo fundamental" as mulleres do rural, ben sexan dubidosas ou afoutas. Esta "especie de antiheroína" é unha "perdedora" que "vai crecendo", remarca a poetisa e xornalista galega Olalla Cociña Lozano. Grazas ao seu oficio e a través da arte, pasa de ser unha "perdedora" a unha "gañadora" na vida.

Este xurado -que onte deu a coñecer o fallo xunto ao edil de Cultura, Juan Constenla- destacou esta "historia de protagonismo feminino no que unha fotógrafa experimentada se atopa nunha encrucillada vital e profesional que lle fai cuestionarse todo". E salienta o "fino trazado das personaxes e a nidia aposta pola forza dos vínculos que veñen da infancia e da adolescencia e tamén da familia e a ibo, especialmente queles que a unen ás súas devanceiras e compañeiras.