A Festa da Malla Tradicional de Doade (Lalín) xa é unha das celebracións destacadas no verán. A recreación deste proceso, que xa leva 19 anos representándose, atrae a milleiros de persoas ata a parroquia. É unha xornada festiva na que os asistentes poden gozar da historia galega e dunha das tradicións arraigadas a Galicia. Esta cita terá lugar o sábado 18 de agosto no entorno da Casa do Patrón.

A xornada festiva dará comezo ás 11.00 horas coa apertura da mostra da artesanía popular; nesta exposición habrá motores, aventadoras e maquinarias. "Trataremos de facela o máis variada posible. Haberá varios motores principalmente; todos teñen o mesmo funcionamento, pero varía a súa antigüedade", explica Manuel Blanco, director do Museo Etnográfico Casa do Patrón. Tamén realizarán unha exposición de fotografías históricas sobre as distintas mallas que se realizaron. Ás 11.30 horas. levarase a cabo o carrexo dos mollos e máquinas coa xugada de vacas do país: "Neste aspecto, trataremos de afondar máis e facer unha recreación histórica", aclara Blanco. A partir das 12.00 horas xa se farán as representacións das distintas mallas tradicionais: Desde a máis antiga, que sería á pedra, pasando pola de males, con máquinas, ata chegar a máis moderna que xa sería con tractor. "Esperamos perfeccionar todas as mostras que fagamos, que sexan o máis representativas posibles; a nosa intención é ir mellorando todos os anos", afirma Blanco. Antes de dar paso ao xantar popular, será a elección do home e da muller mellor vestidos. O director da Casa do Patrón recalca que será un aspecto que teñan moi controlado e pide que se animen a asistir vestidos de época para poder gozar desta festividade.

Carpa con pulpeiro

Xa rematada a faena, todos os que queiran podrán disfrutar dun xantar popular. Haberá carpa con pulpeiro e o menú ten un coste de 14 euros. Desde a organización piden que os grupos de xente (máis de cinco persoas) fagan previa reserva na Casa do Patrón ou a través de casadopatron@gmail.com. "É unha forma de mirar o espazo que necesitamos na carpa e tamén para os aparcadoiros, porque todo está no mesmo sitio entón así podemos controlar onde poñer os autobuses e cantas mesas imos precisar", comenta Blanco. Nos últimos anos, no xantar contaron cunhas 600 persoas, pero na representación da malla chegaron a sumar máis de 1.500 asistentes, segundo explica o director do museo.

A música non podía faltar nun festexo coma este e non podía ser doutro xeito que a organización contase con grupos populares da comarca. Despois da comida terá lugar a 4ª Ruada da Malla que este ano contará coas actuacións de: Acordeóns de Vila de Cruces, Pandereteiras de Zobra, Xermolos da Carballeira de Cercio, Pandereteiras A Xariza de Parada, Cantareiras Maruxeira de Vilatuxe, Os Dezas de Moneixas e Os Trasnos de Doade.

O vindeiro ano celebrará a 20ª edición e Manuel Blanco afirma que "pediremos que se declare de Interese Turístico de Galicia, por iso este ano trataremos de ter todo o máis perfecto posible".