A Fundación Neira Vilas pecha este domingo, día 22, a anotación para acudir ao xantar do día 29 nas Insuas de Gres, dentro dos actos da Xuntanza de Confraternidade coa que se conmemora o 25º aniversario da posta en marcha da entidade. O xantar custa 15 euros por persoa e hai que anotarse nos números de teléfono 620 368 644 ou 986 589 026 (neste, en horario de tarde). O presidente da Fundación, Luis Reimóndez, recalca que é un acto aberto a todos os veciños e a el acudirán o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, así como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, amén dos alcaldes de Silleda, Boqueixón e Cruces. Estarán presentes, ademais, os escritores Alonso Montero e Víctor Freixanes, ademais de editores da obra de Neira. A Fundación abriu o 11 de novembro de 1993. Por iso, o vindeiro 11 de novembro presentará o último libro de Neira Vilas, Dietario derradeiro.