Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ana Cabaleiro López: "Gañar o García Barros da Estrada, onde comecei profesionalmente, é un soño acabado. Marabilloso"

"As Ramonas" faille un homenaxe ao lugar no que nacín e me criei: A Caxeba e Saídres, de Silleda

-Antes de nada, noraboa, O seu nome, moi coñecido na Estrada como xornalista en Radio Estrada, volve soar como gañadora do XXX Premio García Barros...

-Para min ten unha significación especial gañar o García Barros. Porque profesionalmente comecei na Estrada, onde coñecín o premio profesionalmente e lle collín moita lei. Sempre fun lendo os libros gañadores ó longo dos anos. Acabar esta novela xusto a tempo para poder presentala, presentarme por primeira vez ó García Barros e gañalo é como se se pechara un círculo, desde coñecer o premio ata formar parte del como autora. É un soño acabado.

-O xurado tívoo claro. Outorgoulle o galardón por unanimidade. Tiña o pálpito de que o ía gañar ou sorprendeulle a boa nova?

-Foi unha sorpresa. Cando me chamou o alcalde ata pensei que era por algo relacionado co meu traballo. Pero é evidente que cando te presentas a un premio sempre tes unha certa ilusión de que ó mellor o podes gañar. A min cústame moito facer valoracións a priori do que pode supor un libro que escribiches, ata que xa o leu xente, participas en clubes de lectura ou les críticas. Aí xa te fas unha composición máis de lugar. Pero cando falei cos distintos membros do xurado e cada un me foi poñendo en valor o que consideraba que tiña de salientable As Ramonas vexo que coinciden bastante co que eu pretendía poñer en valor. Fíxome moitísima ilusión e faime pensar que realmente conseguín transmitir o que tiña en mente cando elaborei personaxes e historia.

-Que quería poñer en valor e que se vai atopar o lector na súa obra?

-Quería facer unha sociedade totalmente contemporánea de persoas nas que a nosa sociedade galega se poida ver reflictida. O lector vaise atopar un mundo perfectamente recoñecible. Utilicei un lugar e unha parroquia que existen: A Caxeba e Saídres, un entorno xeográfico do Concello de Silleda. E falei dun mundo de persoas que nacemos nun rural do que xa non podemos ter unha visión costumbrista, gandeira e labrega como antes. Estamos nunha sociedade cambiante a tódolos niveis: rural, profesional, social... incluso de desestructuración das familias (que sempre existiu pero que hoxe se fai máis evidente). Metín todos esos elementos na construcción da historia. As persoas vivimos con todos esos elementos que nos rodean. E, como sempre na miña obra, ten moitísima presenza o mundo da muller e do que supón a loita da muller ó longo do tempo, non só na sociedade actual.

-Á sociedade actual remite o feito de que a novela se desenvolva no interior de vehículos...

-Si. Toda a novela pasa no interior de diferentes vehículos. As persoas do rural non puidemos elixir non ter carné por exemplo. Non me gusta nada conducir e teño carné e coche moi ó meu pesar. Se non, nunca poderías ter unha vida normalizada. Desenvolver toda a acción no interior de coches -que me causou bastante esforzo- mantíveno ata o final porque me pareceu unha maneira de exemplarizar que hoxe en día o transporte rodado e o coche domínanos a vida. Quería facer unha pequena chamada de atención. É algo que lle da un matiz agobiante, claustrofóbico. Amosa a dependencia que esa persoa ten que ter dun coche.

-Dicía o xurado que a obra se localiza en puntos da Estrada e Deza...

-Si. Quería facer un homenaxe ao lugar no que nacín e me criei: Saídres, o lugar que máis coñezo e no que máis arraigo teño. Onde sempre te van chamar polo teu nome ou da túa casa. E van saber quen es independentemente do que vaia pasando ao longo da túa vida.Quería poñer a Saídres no mapa como xa están literariamente Nova Iorque, París ou Roma e a nivel galego Monforte, Ourense e zonas de mar. Tamén facía falta prestarlle atención ao interior.

-Ten compoñentes biográficos ou personaxes inspirados en persoas reais desta zona?

-Só o lugar xeográfico é biográfico. E tamén a documentación de viva voz que recollín de testemuñas sobre a antiga vída do tren. Practicamente todo o que aparece da vía do tren é transmitido de testemuñas que coñecían cómo se fixo a vía e que incluso traballaron nela.

-Non é o primeiro premio literario que gaña...

-Gañei dous de relato da Asociación Cultural O Galo. Non lles podo quitar importancia. Pero a nivel público e de repercusión cunha novela realmente si que é o primeiro. Me parece marabilloso que sexa da Estrada.

-Cando iniciou a súa faceta de creadora literaria?

-Sempre escribín pero tardei moito en centrarme en torno a proxectos. O primeiro foi Sapos e sereas. A primeira edición esgotouse logo e imos pola segunda. Realmente centreime en torno a proxectos en 2013.

-Xa está inmersa na escrita da súa próxima obra?

-Vou tomar un descanso. Rematei As Ramonas moi ao límite para poder presentalo ao García Barros. Facíame ilusión. Presenteino en quente. Case non me dou tempo nin a respirar. E quedei un pouco esgotada. É bo descansar algo. Pero recoñezo e teño proxectos cos que me porei de volta. Este tipo de cuestións danche moito pulo para continuar.

Compartir el artículo

stats