A xornalista silledense Ana Cabaleiro López é a flamante gañadora do XXX Premio de Novela Manuel García Barros “Ken Keirades”. Así o vén de anunciar este mediodía o xurado do certame, convocado polo Concello da Estrada en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia para promocionar a escrita de ficción en lingua galega.

Formaron parte do xurado a filóloga e docente de ensino medio María Eulalia Agrelo Costas; o investigador e crítico literario ademais de docente Armando Requeixo Cuba, a poetisa e xornalista galega Olalla Cociña Lozano e o representante de Editorial Galaxia, Carlos González de Lema Malvar, ademais do docente xubilado estradense Carlos Loureiro Rodríguez actuando como secretario. Segundo expuxeron este mediodía, na rolda de prensa posterior ao fallo, a elección da novela de Ana Cabaleiro López contou co respaldo unánime do xurado.

Despois de que este tomase a súa decisión, foi o alcalde José López Campos quen se encargou de comunicarlle o trunfo á gañadora. Esta é moi coñecida e querida na Estrada, onde desempeñou o seu primeiro traballo como xornalista na emisora local Radio Estrada. Precisamente emprazamentos radicados na Estrada e tamén na comarca de Deza irrumpen na novela, desta autora nada en Saídres (Silleda) en 1974. A obra presentouse baixo o lema de Coralia Fandiño e o título "As Ramonas".

O xurado destacou este mediodía que a súa obra “presenta unha historia de protagonismo feminino no que unha fotógrafa experimentada se atopa nunha encrucillada vital e profesional que lle fai cuestionarse todo”. Agregou que “como unha antiheroína do século XXI, a protagonista simboliza no seu camiñar a vitoria da arte sobre as continxencias cotiás”. Igualmente, subliñou que está “narrada cunha prosa de extraordinario labrado” que “salienta polo fino trazado das personaxes e a nidia aposta pola forza dos vínculos que teñen da infancia e da adolescencia e tamén da familia e da tribo, especialmente aqueles que se unen ás súas devanceiras e compañeiras”.

A obra de Ana Cabaleiro impúxose ás outras 18 novelas presentadas a este consolidado premio literario, que ademais de potenciar a creación literaria en lingua galega e reforzar a identidade cultural galega tamén pretende “testemuñar a admiración e respecto e manter a presenza do ilustre académico e galeguista Manuel García Barros, mestre e fillo” do Concello da Estrada para contribuir así “ao espallamento da súa persoa e mais á importante achega que a súa obra fixo ás Letras Galegas”.

O XXX Premio de Novela Manuel García Barros conta cunha dotación económica de 9.000 euros. Ademais, como marca a tradición, a novela será publicada por Editorial Galaxia.