Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha tulla e unha torre medieval en Carboentes

Cómpre que o que queda destas edificacións, sen localizar ata o de agora, sexa incluído no inventario patrimonial de Rodeiro para a súa catalogación antes de que as súas pegadas e a súa memoria se perdan para sempre

Nun cuberto próximo pode ollarse outro lintel gravado. // D.G.A.

No lugar de Baroncelle fican os restos da que foi unha tulla ou celeiro mencionada nos documentos antigos e tamén na tradición, que servía para recoller as importantes rendas de cereais e especies que as monxas do Mosteiro de San Pedro de Vilanova, en terras de Dozón, percibían das extensas propiedades e foros que posuían nestas terras de Rodeiro. Desta tulla demos referencia en 1989 no libro A comarca do Deza, sen que daquela puideramos concretar a súa localización. Deste almacén quedan algunhas ben labradas pedras formando parte dunha porta que presenta un lintel semicircular cunha cruz patada gravada e un par de fiestras nunha casa medio arruinada que forma parte dunha explotación gandeira. Outro lintel, tamén con cruz, perdeuse ao ampliar a entrada da casa para permitir o acceso de tractores e maquinaria moderna. Un terceiro lintel semellante, tamén cunha cruz ensanchada gravada, pode ollarse nun cuberto próximo (coordenadas X-585.763, Y:4.717.007). Os veciños da aldea lembran remotamente ter escoitado aos vellos que aquí recollían rendas os frades do mosteiro cisterciense de Oseira.

Boa parte das terras da actual parroquia de Carboentes pertenceron ao Mosteiro de San Pedro de Vilanova, relacionado e dependente nun tempo do próximo de Oseira. As igrexas de San Estevo de Carboentes, Santiago de Arnego, San Martiño de Asperelo, San Miguel de Riobó (daquela Ribomalo) e San Paio de Senra fóranlle doadas no século XII a este mosteiro de monxas bieitas polo rei Afonso VII. Tres séculos despois serían anexionadas ao mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago e, finalmente, a Gaspar Carlos de Camba Sotomayor, señor da Casa-fortaleza de Pazo de Camba, que llas merca, entre outros, aos irmáns Pedro Felipe e Bernardo Lois e a Amaro Bernaltes que tiña aquí casa y celeiro y bienes de su compuesto...

Moi semellante é a historia da Torre de Carboentes que quedou rexistrada para sempre na toponimia dando nome ao lugar onde se asentaba. A fortaleza achábase na paraxe coñecida como Os Nabais, terreo dedicado desde inmemorial a labradío situado a escasamente uns cen metros ao sur da última casa da Torre (coordenadas X: 584.231, Y: 4.716.982). Dela só queda en pé unha pequena parte da cimentación que forman varios bloques de cantería e algúns cachotes mesturados, que semella tiveron uso como valado entre dúas fincas agora unidas. O resto da fábrica desta torre, contan os nosos informantes que foi levada hai uns cen anos para construír a casa de Cabezas, no outro extremo da aldea.

As terras da Torre e a fortaleza pertenceron aos señores do Pazo de Camba ao igual que boa parte do próximo lugar de Agrosagro, como xa referimos. Nos documentos antigos e na tradición oral menciónase a Torre de Agrosagro, que non fomos capaces de localizar nese lugar, polo que coidamos que pode ser que unha é outra sexan a mesma ao atoparse estes dous lugares de Carboentes a escasamente un quilómetro de distancia. Ben poidera ser que no medioevo Agrosagro ou Arbrosagro fora lugar de certa importancia e nas proximidades estivera a súa torre illada, arredor da que tempo despois se formaría unha aldea que levaría o nome da fortaleza.

Petróglifos inéditos

Cómpre subliñar que, a uns 300 metros ao suroeste do lugar da Torre, nun penedal que domina as terras do alto Arnego deica a Serra do Faro, hai unha estación rupestre sen catalogar, con tres cazoletas aliñadas, duns cinco centímetros de diámetro cada unha, ao carón dun par de pías naturais nunha rocha case chá de boas dimensións (coordenadas X: 584.370; Y: 4.716.526). Os nosos informantes, que xogaban nela de cativos, indicaron que os vellos do lugar dicían que as buratas foran feitas polos mouros en tempos remotos.

Cómpre, pois, que o que queda destas dúas antigas edificacións sitas na parroquia de Carboentes das que aquí damos razón, sexa incluído no inventario do patrimonio do Concello de Rodeiro, no que xa figuran as de Outeiro, en Fafián, a torre de Seoane -que aproveitou o pazo de Camba- e os cementos da fortaleza de Rodeiro -no solar que ocupa o actual concello-, das que publicaron extensos e documentados traballos os amigos Luís F. Pérez Méndez e César Gómez Buxán.

Compartir el artículo

stats