Na mostra participará o Rancho Folclórico Os Peneireiros de Martinchel, de Portugal, dando deste xeito e despois de moitos anos carácter internacional ao evento. Unirase a un gran elenco de grupos de fóra de Galicia que participaron neste festival e, na primeira semana de agosto, A Carballeira devolverá esta visita acudindo a Martinchel.

Polo demais, na mostra sairán ao escenario todos os rapaces da escola de baile, o grupo de gaitas, e estrearase unha nova sección de pandereteiros/as que acompañaran as xa veteranas e moi recoñecidas no contorno.

O decimoterceiro espectáculo teatral-musical Xente de aquí versa sobre unha viaxe en forma de palabra e son por diferentes localidades de Galicia a través dunha imaxinaria carta dun galego á súa terra. Entoaranse varias pezas cantadas que teñen como nexo de unión que son os lugares mencionados os protagonistas das mesmas. Así, viaxarán a Camariñas, polas rúas de Cangas ou á costa de Fisterra, e intercalaranse bailes, músicas interpretadas polos máis de corenta membros da Carballeira.