Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Julio Calviño, o republicano de Doade

Foi concelleiro de Lalín con Xesús Golmar de alcalde - O golpe de Estado colleuno na Xesta, onde casara coa mestra Josefina Iglesias, e na fronte coincidiu con Valenzuela

Rosa Friol, pouco antes de morer, co seu fillo Julio. // Arquivo familia Calviño

O recente nomeamento de Nadia Calviño como ministra de Economía e Empresa de España puxo de actualidade as orixes lalinenses da súa familia. O seu pai, José María Calviño, que foi director xeral de RTVE de 1982 a 1986, naceu na parroquia da Xesta. Porén, moito menos coñecida é a figura do seu avó, Julio Calviño, que foi concelleiro de Lalín na última corporación republicana. O 11 de abril de 1936, dous meses despois da vitoria da Frente Popular nas eleccións xerais, o gobernador civil de Pontevedra nomeou unha nova comisión xestora no concello de Lalín, formada por sete edís que representaban ás diversas forzas que apoiaron a coalición do Frente Popular e que en Lalín estaban representadas na Casa da República.

Foi Manuel Ferreiro, o que ata ese momento fora alcalde, o encargado de designar aos sete novos membros da corporación: Xesús Golmar, que representaba ao Partido Galeguista e foi elixido alcalde; os tenentes de alcalde Manuel Diéguez Varela, mestre; Luís Frade, anterior concelleiro; Bernardino Rodríguez, de Botos; Antonio Méijome Abeledo, de Goiás; Francisco Fernández García; e Julio Calviño Friol, un mozo de 23 anos, o concelleiro máis novo dunha corporación lalinense, en representación do PSOE, que foi elixido síndico da corporación.

Julio Calviño nacera na Casa de Taín de Doade en 1912, era o cuarto fillo de Avelino Calviño Ferradás orixinario de Rodeiro, que casou en 1905 con Rosa Friol Taboada, unha moza de apenas de quince anos, filla de Miguel Friol González, o albeite herdeiro da Casa de Taín. Miguel, como o seu pai e o seu avó viña dunha caste de albeites e a casa de Taín era coñecida en toda a comarca como unha casa grande. Julio recordaba que tiñan doce vacas, xogada de bois e besta. Pese a isto, ou quizais precisamente por iso, o seu pai, Avelino Calviño, emigrou a Buenos Aires nos anos dez, levando consigo a Jesús, o maior dos seus irmáns.

Julio educouse na escola de Doade, e dende 1927, cando pasou a rexentala o mestre Joaquín Golmar, un coñecido promotor de actividades extraescolares, participou xunto co resto dos mozos da parroquia en varias representacións teatrais. Con apenas dezaoito anos e despois dun incidente cun dos encargados das obras do ferrocarril en construción no que interveu en defensa dos compañeiros obreiros, e coincidindo coa visita a Galicia dun familiar da súa nai que lle trae recado do pai, sabedor da pouca adaptación de Julio aos traballos do campo ("pesábanme moito os zocos" dicía), para propoñerlle marchar a Buenos Aires.

O protagonista desta historia non o dubida, acepta de inmediato e parte a capital arxentina co seu parente. Nada máis chegar, o pai inscríbeo no colexio da Asociación Patriótica Española onde ten como mestre a algún catedrático exiliado de España por mor da ditadura de Primo de Rivera. Ao mesmo tempo comeza a traballar nos grandes almacéns Gath & Chaves. Na Arxentina vai formarse politicamente, especialmente a través da figura de Alfredo Palacios, o intelectual, profesor e deputado fundador do dereito dos traballadores arxentinos, con moitos contactos coas comunidades vasca, galega e catalá da diáspora bonaerense. Julio foi asiduo dos mitins da campaña de 1931, na que Palacios conseguiu a súa elección como senador, e a súa personalidade e as súas palabras deixaron nel unha forte pegada que o inclinou definitivamente a ideoloxía socialista, aínda que nunca chegou a afiliarse ao PSOE.

Mentres tanto, en España proclamouse a República e o seu veciño e amigo da infancia, Manuel Ferreiro, faise coa alcaldía de Lalín. Calviño regresa a Galicia en 1933 cumprindo os desexos da nai, que quería que fixese o servizo militar. Chegou xusto para incorporarse, pero foi declarado excedente de cota, co que só tivo que facer dous meses de instrución na Coruña. Volveu para Lalín, Ferreiro nomeouno secretario particular e así se converteu nun importante activista político nos últimos anos da República. Acudiu con Manuel Ferreiro e outros corenta veciños ao mitin de Azaña no Campo de Comillas en outubro de 1935, nunha viaxe da que deixou crónica Manuel González, o mestre de Soutolongo. Aínda que a intención de Julio era retornar a Arxentina, ao establecer relacións coa mestra da Xesta, Josefina Iglesias Gayoso, desistiu do seu propósito. Casou con Josefina en marzo de 1936, con Ferreiro como testemuña de voda.

O triunfo do Frente Popular nas eleccións de febreiro posibilitou a reposición de Ferreiro e toda a corporación democrática elixida en 1931. Pero as desavinzas entre algúns concelleiros, que neses momentos xa non eran partidarios da liña política da Fronte Popular, fixeron necesaria a disolución da corporación e o nomeamento dunha Comisión Xestora en abril. Entre os elixidos por Ferreiro para xestores, figura Julio Calviño. En realidade son Manuel Diéguez, Luís Frade e Julio Calviño os que levan o peso da xestión do Concello, pois o alcalde Xesús Golmar debe atender a súa escola en Méixome. Pouco tempo tivo esta xestora para realizar accións políticas de calado, apremiada polos acontecementos sociais e políticos. Nese tempo a conflitividade social era grande, con continuas folgas dos obreiros do ferrocarril en construción. O mesmo Julio relatoume unha das súas actuacións para tratar de calmar unha masa de obreiros enfurecidos polos abusos dos destaxistas, que viñan desde Botos dispostos a queimar o Casino; Calviño dirixiuse a eles desde o balcón da Casa do Concello conseguindo que desistisen do seu propósito.

Entre as actuacións desta xestora, habería que destacar a consecución de obras do Estado para solucionar o paro, a través do subsecretario de Gobernación, o pontevedrés Bibiano Fernández Osorio-Tafall, o estudo para construción da estrada Bendoiro-Castelo, a dotación dalgunhas fontes e naturalmente a preocupación polo ensino, coa creación dunha escola na parroquia de Santiso. Isto ademais do apoio ao referendo do Estatuto de Autonomía de Galicia que se votou o 28 de xuño.

O golpe de Estado do 18 de xullo colleu a Julio Calviño na súa casa da Xesta. Ante o cariz que tomaban as cousas, coas detencións e os primeiros paseos, decidiu agocharse nas casas dalgúns veciños. A súa intención era fuxir a Arxentina, pero o embarazo da súa muller fíxoo desistir. Cando foi mobilizada a súa quinta, presentouse e foi destinado como apuntador a unha batería de Artillería. Na fronte coincidiu con Ramón de Valenzuela, que estaba argallando o seu pase ao bando leal. Un decreto do goberno de Burgos que castigaba aos familiares dos que se pasaban ao bando republicano inclinouno a desistir de acompañar a Valenzuela. Estando mobilizado, unha denuncia procedente do cuartel da Garda civil de Lalín fixo que fora detido en decembro de 1937. Estivo dous meses na cadea. Procesado pola súa actuación política na última corporación republicana, foi xulgado en consello de guerra en Pontevedra. Grazas a Jacinto González e Manuel Facal que foron as súas testemuñas de descargo, foi declarado inocente e absolto dos cargos. Reincorporouse como artilleiro ao seu batallón e participou na batalla de Teruel.

Rematou a guerra en Valencia, e a pesar de que os mandos lle insistían para que fixera carreira no Exército, decidiu regresar a Lalín, onda a súa muller e a súa filla Mary Carmen que acaba de facer un ano. A pesar dos antecedentes políticos que lle dificultan atopar traballo, conseguiu un posto de listero na compañía de ferrocarril MZOV, logo dunha entrevista co enxeñeiro das obras Marcelino Enríquez Parrondo, na que actuou como intermediario un antigo mestre de Lebozán pouco afín aos falanxistas que era o seu auxiliar. De listero pasou a auxiliar de obra e despois axudante do enxeñeiro xefe da zona, Diego Egea Belmonte. Estes cargos convertérono nun home de poder, polo que recibiu os alcumes de "O Virrei da Xesta" e "Julio das Ciencias". Seguía vivindo coa muller na Xesta, onde naceron os seus fillos Xosé María (1943) e Xulio (1947). Podemos seguir algúns episodios da vida familiar a través do libro Carpe diem, no que o seu fillo Xulio narra parte da súa infancia nun territorio fantástico chamado Igitur, trasunto da parroquia da Xesta.

Cando a compañía MZOV rematou as obras do ferrocarril, ofrecéronlle marchar con eles ao Plan Badajoz. Pero Julio, a través dun antigo compañeiro no exército que traballaba en Venezuela, recibiu unha oferta e marchou ao país sudamericano en 1952 para traballar na Compañía de Seguros La Nacional. Conseguiu prosperar rapidamente na compañía e enviar diñeiro a muller, o que lle permitiu pedir a excedencia como mestra e instalarse na Coruña. Calviño chegou a ser director xeral da compañía aseguradora, que tiña a súa sede na cidade de Valencia, capital do estado de Carabobo, dende onde operaba con todo centro e Sudamérica. Xubilado, retornou a Galicia en 1964.

Ocupouse da educación dos fillos, especialmente do máis novo, Julio, que tivo problemas coas autoridades do réxime, pois foi detido en 1968 acusado de repartir propaganda ilegal e condenado o ano seguinte a nove meses de prisión. Isto que veño de relatar e algunhas outras cousas, me contou Julio Calviño Friol na entrevista que mantiven con el na Coruña cinco anos ates do seu pasamento, en xuño de 2001.

Compartir el artículo

stats