O departamento municipal de Emprego celebrou onte "as excelentes cifras dos datos de desemprego na Estrada" -cifrado actualmente en1.216 desempregados- e os excelentes resultados do seu perfil de Facebook. En concreto, indicou que en pouco máis dun ano, chegou aos 6.000 seguidores e acadou un alcance de 16.000 visitas semanais.

A maiores, fixo fincapé en que "por sexto mes consecutivo A Estrada volta liderar o descenso de persoas en situación de desemprego" na contorna, ao "ser 61 as que conseguiron insertarse no mercado de traballo" no último mes, deixando por tanto a cifra total de demandantes de emprego en 1.216.

Para seguir axudándolles a conseguir o seu obxectivo, o Concello seguirá a apostar polas políticas activas de emprego que incidan na formación en sectores con maior oferta laboral. Tamén seguirá a apoiar aos maiores de 45 anos e menores de 30, que son os que teñen maiores dificultades para insertarse no mercado laboral.

O departamento de Emprego e Orientación Laboral municipal non descansará en verán a fin de brindarlles apoio á hora de brindarlle asesoramento personalizado para elaborar o seu currículo, rexistrarse nos portais de emprego que realizan a meirande parte dos procesos de selección de persoal das empresas e preparar entrevistas de traballo.