O consistorio estradense acolleu a primeira hora de onte a reunión do operativo que se encargará de tomar as decisións oportunas para garantir a seguridade na parroquia de Sabucedo durante toda a fin de semana, no marco de celebración de concurrida Rapa das Bestas.

Unha das cuestións que se abordou foi a conexión da aldea coa vila a través do coñecido Rapabús, un servizo que busca facilitar os desprazamentos en transporte público. Con saída e regreso no casco estradense, terá paradas na Consolación e Codeseda. O venres sairá ás 21.00 e regresa ás 05.00. O sábado haberá un con saída ás 16.30 e regreso ás 21.30 e outro que parte ás 22.30 e retorna ás 05.00. O domingo sairá ás 11.00 para voltar ás 17.00.

Polo demais, falouse da coordinación de Emerxencias, Policía Local e Garda Civil así como das dúas ambulancias que haberá en Sabucedo durante os curros. O Concello leva 15 días facendo desbroces na parroquia para acondicionala para a Rapa.