A música será unha das protagonistas do Corazón da Artesanía. VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra do 6 ao 8 de xullo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada. As actuacións de grupos recoñecidos da escena galega complementarán as actividades de divulgación e posta en valor dos oficios artesanais galegos, a venda de produtos de Artesanía de Galicia e alimentos gourmet, así como os showcookings que porán en relación gastronomía e artesanía.

As actuacións musicais de O Sonoro Maxín e Sumrrá, na Praza do Concello a partir das 22:30 horas, permitiralle aos visitantes continuar as xornadas lúdicas do venres e do sábado, respectivamente, unha vez rematada a feira. O grupo ourensán presentará en Agolada o seu disco Sete dezasete, no que combinan ritmos bailables de diferentes estilos e con referencia galega, tratando de actualizar e reinterpretar o concepto da verbena.

O sábado pola mañá terá lugar a actuación de música e teatro As fillas bravas, da compañía Chévere, a partir das 13:00 horas nos Pendellos, un espectáculo de humor con perspectiva de xénero a través dun repertorio baseado na música tradicional. A partir das 18:00 horas está programado un pasarrúas do grupo de música tradicional Bico da Balouta (Agolada) e, xa pola noite, poderase escoitar na Praza do Concello a Sumrrá. Con 16 anos de traxectoria e cinco discos editados, o trío compostelán está considerado un dos novos referentes do jazz contemporáneo.

Na xornada do domingo as actuacións musicais comezarán xa durante a sesión vermú Lodeiros coa actuación do grupo De Vacas, a partir das 13:00 horas na Praza do Concello, e continuarán pola tarde, ás 19:00, co Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, da Coruña, que pechará a programación musical do Encontro.

Un total de 52 artesáns de 26 oficios diferentes e 49 expositores de produtos de alimentación estarán presentes durante os tres días que dura o evento.