O programa de Corazón da Artesanía. VII Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia complétase con espectáculos e concertos que terán lugar na Praza do Concello. O grupo O Sonoro Maxín será o encargado de pechar o programa do venres 6 de xullo, mentres que a banda de jazz compostelá Sumrrá protagonizará a noite do sábado 7. Os dous concertos están programados para as 22:30 horas. O domingo será a quenda de De vacas, que actuará en sesión vermú (13:00). Á mesma hora, o sábado, terá lugar o espectáculo de música e teatro As fillas bravas, da compañía Chévere. A música tradicional estará representada pola Asociación Cultural Xacarandaina, da Coruña, que actuará o domingo ás 19:00 horas, así como por Bico da Balouta, de Agolada, que se encargará dun pasarrúas o sábado a partir das 18:00 horas.