Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Perfecto Porto Fraiz e a II República na Estrada (I)

Canteiro, emigrante en Cuba e comerciante na Estrada, foi membro da primeira corporación municipal republicana e promotor da instrución

Diploma de Perfecto Porto, asinado por Cabanillas.// Arquivo de Xosé Porto

Foi canteiro polo país adiante, emigrante en Cuba e, finalmente, modesto comerciante na Estrada. Foi tamén, como persoa de conviccións democráticas e socialmente comprometida, un dos fundadores do Centro Republicano Estradense, membro da primeira corporación municipal republicana e firme promotor da instrución e da cultura.

Perfecto Porto Fraiz naceu o 1 de setembro de 1887 na parroquia de San Pedro de Parada, lugar dos Muros, fillo de Manuel Porto Meijide e de Pilar Fraiz Sueiro. Aprendeu o oficio de canteiro, que exerceu en diferentes puntos do país. En Ferrol foi ademais alumno da Escola de Artes e Oficios.

Casou con Dolores Matalobos Bergueiro, tamén de Parada, lugar de Picáns, e en 1912 emigra a Cuba, ingresando no Centro Galego da Habana, onde continúa a súa formación artística e obtén diversas distincións pola súa aplicación e obra.

Alí foi condiscípulo, e sempre amigo, de Virxilio Blanco Garrido, de San Miguel de Presqueiras (Forcarei), quen alcanzaría notabilidade como pintor e realizaría nos anos 30 un retrato do pai de Perfecto, sendo tamén un dos ilustradores dos Contiños da Terra de Manuel García Barros "Ken Keirades".

En 1917, alumnos e ex-alumos do plantel de ensino do Centro Galego constitúen na Habana a Sociedade Estudantil "Concepción Arenal" e Perfecto Porto entra na directiva. Na mesma cidade fúndase en 1921 a Sociedade de Instrución "Hijos de Tabeirós", da que Porto tamén será directivo. Nese ano regresa á Terra, sendo nomeado delegado pola referida entidade.

Por unha autonomía integral

De volta na Estrada, Perfecto Porto Fraiz participa, en xullo de 1921, con Benito Vigo, Otero Abelleira, José Fondevila, García Barros e outros, no banquete ofrecido aos fundadores da Sociedade "Hijos de La Estrada" en Cuba. Nese encontro, Maximino Matalobos pronuncia un discurso en que pon de relevo a "conveniencia de una autonomía integral para la Nación Gallega", noticiaba El Emigrado. E para rematar o acto, di o mesmo xornal, "se cantó por todos los presentes, puestos en pie y descubiertos, el Himno Gallego".

En xuño de 1922, a delegación estradense da citada sociedade renovará a súa directiva, sendo electo como secretario Perfecto Porto, quen foi tamén directivo do Centro de Emigrados e presidente da súa sección de ensino, que tiña entre os seus obxectivos a promoción da educación primaria e a construción de edificios escolares.

Toda esta actividade social de Perfecto Porto nos anos 20 verase ensombrecida, con todo, pola morte na infancia da súa filla Lola e do seu fillo Perfecto. Felizmente, sobrevivirá Xosé, nacido en 1927 e falecido en 2009.

Perfecto Porto participa igualmente na Irmandade da Fala da Estrada, fundada en 1918, pero, ante a crise da Ditadura de Primo de Rivera e da mesma monarquía, en novembro de 1929 comezou a organizarse un núcleo local republicano que adoptará o nome de Centro Republicano Estradense e ingresará na ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma).

O 18 de maio de 1930, o Centro Republicano constitúese formalmente, adheríndose, coa ORGA, á Federación Republicana Galega, nacida tras o Pacto de Lestrobe para loitar pola República Democrática e a Autonomía Galega.

A asemblea constituínte do Centro Republicano elixe como presidente a José Pereiras Vidal, de Olives, como vicepresidente a José Fondevila Torres e como secretario a Perfecto Porto Fraiz. Nel participan tamén Xosé Otero Abelleira e Manuel García Barros, que foron director e xefe de redacción, respectivamente, de El Emigrado.

En decembro de 1930, ten lugar na Estrada, organizado polo referido Centro, un concorrido mitin republicano coa intervención, entre outros, dos futuros deputados Poza Juncal e Antón Vilar Ponte.

E tras os levantamentos republicanos dese mes, a represión desatada e a caída do goberno Berenguer en febreiro de 1931, o Centro Republicano reúne a súa asemblea xeral, que renova a directiva, mantendo os seus cargos Pereiras, Fondevila e Porto; nomea presidente de honra a Santiago Casares Quiroga, preso no Cárcere Modelo de Madrid, e convoca nova reunión para acordar unha posición perante as eleccións municipais de 12 de abril. Infórmase ademais que "se ha enviado a la Federación Republicana Gallega el producto de la primera lista de donantes para los correligionarios que sufrieron graves perjuicios con motivo de los sucesos de diciembre".

O 12 de abril de 1931 triunfan nas eleccións municipais as candidaturas republicano-socialistas, o rei abandona España e o día 14 é proclamada a República.

Xestora republicana

Na Estrada constitúese unha Xunta Xestora Municipal, integrada da seguinte maneira: alcalde-presidente, Juan Manuel Rodríguez Seijo; vogais, Perfecto Porto Fraiz, José Caramés Pazos e José Álvarez polo Centro Republicano Estradense, e José María Pena e Albino Chao Coto polo Grupo ao Servizo da República.

As primeiras medidas do Concello republicano fan referencia á mellora do funcionamento municipal, á transparencia nas contas e á atención ao público. Por outro lado, acórdase dar á rúa onde tiña a sede o Centro Obreiro o nome de Avenida de Pablo Iglesias e á actual Porta do Sol o de Praza de Fermín Galán, en memoria do capitán republicano fusilado tras a sublevación de Jaca. O Primeiro de Maio, no transcurso dunha manifestación popular, colócanse as respectivas placas, a da Praza de Fermín Galán custeada polos concelleiros propoñentes, Perfecto Porto e José Caramés.

Entusiasmo tamén no rural

Son tempos de entusiasmo democrático e republicano, na vila e no resto do concello. El Emigrado de 30 de abril incluía a crónica "La República en nuestras aldeas", referíndose a Remesar, Pardemarín, Guimarei, Callobre, Cereixo e Riobó. En Remesar, por exemplo, izáronse no campo da festa "la bandera tricolor de la naciente República española y la blanca y azul de nuestra idolatrada Galicia, que en breve se constituirá también en república autónoma dentro de la gran confederación de repúblicas hispánicas".

E en agosto, Manuel García Barros asina o artigo "El domingo en Orazo se festejó a la República", escribindo: "Mucha gente: hombres, mujeres, niños; la música de Remesar florea el Himno de Riego que las parejas bailan con afán. Se ven significados republicanos de Oca, Remesar y Arnois; llega una comisión nutrida de Agar. De La Estrada, Perfecto Porto y Fondevila a los que acompaña un servidor."

Compartir el artículo

stats