En outubro do ano pasado e aproveitando a presenza do alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, en Arxentina, o rexedor e o intendente de Campana, Sebastián Abella, asinaron un convenio mediante o que se establece un intercambio cultural entre as dúas localidades, irmandadas debido a que Manuel Iglesias, veciño de Carbia emigrado ao país austral, foi o creador do primeiro automóbil arxentino, coñecido como Mataperros. Este pacto inclúe, ademais, a posta en marcha dun Día del Automóvil España-Argentina, cunha exposición a escala nacional.

Á espera de que se perfile esta xornada en torno aos vehículos, xa se coñece cándo haberá a segunda parte dese intercambio cultural: será do 1 ao 9 de agosto e estará organizado pola asociación Sons da Mina, que segue en activo á marxe da disolución do grupo de música tradicional do mesmo nome, en marzo pasado e debido a que os seus membros non podían conciliar o seu labor musical coas ocupacións laborais e familiares. Sons da Mina, nos dez días que estivo en Arxentina, ofreceu preto dunha ducia de concertos, en varios colexios de educación primaria, na escola de arte de Campana ou na escola profesional de Islas, así como no escenario municipal da multitudinaria festa Buenos Aires Celebra Galicia, do día 7.

Desta maneira, a música non poderá faltar neste intercambio en terras cruceñas. É posible que Sons da Mina volva actuar, e faráo tamén un grupo de música popular que viaxará coa comitiva de políticos e de artistas, entre os que se atopa Walter Merlo. Os concertos terán como escenarios enclaves como a área recreativa da Carixa ou a Casa da Capilla, en Gres. Están previstas, tamén, viaxes a lugares paradisíacos da comunidade galega,como a Ribeira Sacra, Santiago de Compostela ou A Costa da Morte. Os músicos e artistas dos dous lados do Atlántico tamén teñen previsto desplazarse, o 4 de agosto, ao Festival de Pardiñas. Esta cita está organizada pola Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, e pasa por ser unha das máis antigas da comunidade galega, posto que se celebra desde o ano 1979,