Corazón da Artesanía contará este ano coa participación de 52 profesionais de Artesanía de Galicia de 26 oficios diferentes, como a xoiería e a ourivería, a carpintería de ribeira, a cestería, os tecidos de baixo lizo, a marroquinería, a bixutería, os instrumentos musicais, a olería, a tellería, a cerámica, a forxa, as colareiras, a elaboración de zocos, a talla de madeira, a ebanistería, o encaixe, os tapices, os xoguetes, a torneiría de madeira, a ilustración, as maquetas, a zapatería, a elaboración de figuras de pan e a manipulación de papel. Tamén estarán 49 empresas de produtos de alimentación, xunto con cinco food trucks que estarán á disposición dos visitantes nas proximidades dos Pendellos.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentaron onte pola mañá o VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará do 6 ao 8 de xullo no recinto histórico dos Pendellos de Agolada. Tamén participaron o rexedor deste municipio, Ramiro Varela, e o tenente de alcalde, Héctor Martínez, xunto co presidente da Asociación Galega de Artesáns, Manolo González. Todos salientaron que este encontro chega á súa sétima edición avalado polos profesionais e polo público -9.000 visitas o ano pasado- como a cita referente do sector.

Corazón de Artersanía convérterse cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades. Ademais dos postos de exposición e venda, os visitantes poderán ver demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros abertos para todos os públicos que están programados en horario de 11:30 a 14 e de 16 a 21:30. Centraranse na cestería, no manipulado de papel, a elaboración de calzado, o torno cerámico e os tecidos de alto e baixo lizo, ademais da pintura sobre tecido.

A Fundación Artesanía de Galicia impulsa dous cursos de formación especializada para artesáns e tres obradoiros dirixidos a interesados en introducirse nos oficios artesanais, ademais da segunda edición do Campus dos Oficios, que este ano estará dedicado á pedra. Os dous cursos especializados son Novas ferramentas para novos artesáns, dirixido por Rubén García-Louzao Araújo (Pontevedra), e Manipulación de palla trenzada para elaborar complementos, impartido por Félix de Martín (Ourense). Os outros tres obradoiros son o de Cestería tradicional con vimbio, a cargo de Antonio Suárez Dávila (Vigo), Cestería tradicional con palla e silveira, con Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), e Iniciación á ilustración, por Iria Ribadomar (Santiago). A segunda edición do Campus dos Oficios leva por título A materialidade da pedra. Da artesanía á industria, camiños de ida e volta e celebrarase o sábado 7 de xullo no Auditorio Manuel Costa Casares, contando coa participación de arquitectos, artesáns, artistas e especialistas nestes materiais. Os interesados en participar deberanse inscribir na web da Fundación Artesanía de Galicia ata o 4 de xullo.

Artesanía no Prato

Como xa é habitual, a cita incorpora Artesanía no Prato, co obxectivo de achegar Artesanía de Galicia ao eido da mellor gastronomía galega, a través de showcookings de prestixiosos cociñeiros galegos que empregan pezas da marca como soporte dos seus menús. Desta volta participarán Iñaki Bretal, do restaurante O Eirado da Leña (Pontevedra), Héctor López, do España (Lugo), María Varela de A Parada das Bestas (Palas de Rei), e Javier Rodríguez Ponte Taky, do Catering Boketé (A Coruña). Amais, está previsto organizar unha degustación da Coctelería Long Drink, con augardente de Galicia, a cargo de Xaime Rodríguez, o venres ás 18:00 horas, e outra de produtos galegos e unha cata comentada de viños de Galicia a cargo de Vide, Vide!, o sábado á mesma hora. Para participar nestas demostracións é preciso inscribirse no teléfono 692 843 313 (de 9:00 a 14:00) ou no correo electrónico info@comunic-artecomunicacion.com.