-O domingo celebrará as súas vodas de ouro como sacerdote. Que balance fai destas cinco décadas?

-Positivo. Vivino con máis ilusión cando era novo, cando empecei nos primeiros anos. Pero teño que agradecer que tiven moi bos compañeiros nos lugares nos que estiven e iso tamén anima moito. Estes 50 anos foron moi ben. O malo é que os anos pasan demasiado pronto.A ilusión, entrega e xenerosidade que ten un cando se teñen poucos anos xa non se teñen despois. Os anos pesan un pouquiño... ou moito...Inflúen a condición física, ter moitas máis parroquias... Ten que andar un moito máis apurado. Non ten tempo nin para falar coa xente. Todo axuda. Ás veces dunha forma negativa. Andar sempre apurado, correndo, non é boa cousa.

-Ten vostede 75 anos. Xubilouse como profsor do instituto Manuel García Barros pero sigue traballando arreo polos fieis... Apeteceríalle xubilarse?

-Pódese un xubilar. Si. Ós 75 normalmente o arcebispo déixanos retirar facilmente. Sobre todo se hai algún problema. Pero o normal é que, como somos tan poucos, é que sempre te anime a que non o deixes.

-Así que descarta unha xubilación próxima...

-Nestes primeiros anos non. Pero despois tena que haber. Os anos non perdoan.

-Como ten cambiado o labor pastoral nestes 50 anos?

-Cambiou un pouco (rise). Cando estaba no instituto absorbíame bastante tempo. Agora teño máis liberdade nese aspecto. Pero un tamén se fai maior. Conecto menos cos xóvenes e cos rapaces. Noutro tempo érame moito máis fácil. Tamén noto ó estar nas aldeas -o que escollín sempre- que a xente e moi maior e cada vez máis.

-As igrexas baléiranse de fieis. A que o atribúe?

-Baléiranse de fieis porque os xóvenes non acuden e as persoas maiores van desaparecendo. Incluso se vai despoblando o rural. Hai algún modo de remedialo pero fácil non é. As cousas como son. Os xóvenes non van á igrexa e a outros lados porque os outros, o seu mundo, non van. Véxoo ata no fútbol. Van se xogan. Se non, nin a eso van.

-O domingo os seus fregueses de Santa Cristina de Vea, Cora, Aguións, Santeles, Paradela e Barbude brindaranlle o seu segundo homenaxe en 15 anos. Como se toma a implicación veciñal nestes recoñecementos?

-Vexo que fan un esforzo tremendo.... Sobre todo a comisión que anda diante. Reúnense todas as semanas e poñen un interese bárbaro. Eu non son partidario destas cousas para min pero vexo que poñen tanto interese que non me queda máis que apoialo, aplaudirllo e agradecerllo. Quero darlle as grazas a todos. Estou moi agradecido a todos.

-Os veciños destacan o seu carácter tolerante, a súa afabilidade e a súa disposición a axudar aos demais. Tanto que no homenaxe de 2003 apuntaban que vostede, fillo de labradores, ata lles ten axudado a sachar o millo ou a sacar as patacas. Tamén din que é un cura atípico: futbolero, axedrecista e "mentireiro" como marcan os cánones cando xoga ás cartas... Identifícase con este retrato?

-(Risas). Sempre fun moi aficionado ó xogo de distintos tipos, no seminario e fora del. O que pasa é que agora o fútbol hai tempo que non o practico. E outras cousas tamén as fago menos. Incluso as cartas, o xadrez e o ping pong. Non teño tanta oportunidade de facelo...

-En 2012 recibiu o Premio San Martiño de Normalización Lingüística á difusión da lingua na comarca porque foi vostede dos pioneros na utilización dos oficios relixiosos. Cre que agora xa está suficientemente normalizado?

-Sigo sendo galego, galeguista. Intento que se fale o galego que falamos todos. Pero o normativo.... hai palabras que non entende a xente, xiros que non son os máis adecuados. E vin a xente que sempre falou galego, se presentou para apagar o lume e non a aceptaron por non saber falar ese galego. Que ós que sempre falamos e conservamos o galego nos digan agora que non o sabemos falar... E que se non é exactamente como está na norma xa non vale... Home, non!

-Aos 75 anos e 50 como párroco, que retos pastorais e soños persoais lle quedan por cumprir?

-Camiño dos 76, quédanme moitos. Habería que facer moitas cousas que non se fixeron. Pero concretalo no momento non é fácil.

-Gústalle moito viaxar...

-Viaxei moito. Pero voulle ter que poñer fin porque agora xa me despisto máis: do que vexo, do que me din. Para ir e non acordarse, é mellor quedar na casa.

-Descansando de tanto traballo...

- O traballo ainda se leva. Fisicamente ainda o aguanto.