Os veciños de Soutolongo festexaron onte a San Antonio cunha devoción, se cabe, aínda máis evidente. O motivo era que á celebración se sumaban os 50 anos da posta en marcha deste colectivo, que fai mención á escola que pagaran os emigrantes e que comezou a construirse en 1925. O inmoble estivo funcionando como colexio ata 1970, e dende entón serve de local social.

De feito, onte foi o enclave escollido para conmemorar esas vodas de ouro, cun xantar de convivio ao que acudiron 120 personas, case todos os membros da asociación. Os entremeses e a grellada mixta foron o menú, pero tamén a excusa para pasar unha tarde con moi bo ambiente e na que non faltou a entrega de detalles a tres persoas: a fundadora da asociación, Carmen Fondevila, e a dous veciños que colaboran de xeito moi activo coa entidade: Rita Neira e Antonio González (no seu caso, foi a súa filla quen recolleu o regalo). Aos tres, así como ao Concello de Lalín, déuselles un plato ornamental co logotipo deste 50 aniversario. Foron, precisamente, membros do goberno local os que entregaron estes galardóns: o alcalde Rafael Cuíña, o edil de Infraestructuras Rurais, Miguel Medela, e a súa homóloga de Cultura, Lara Rodríguez Peña.

Pero non esquezamos que onte tamén se festexaba a San Antonio, así que á misa de doce acudiron bastants fieies coas súas mascotas (cans, sobre todo) para que fosen bendecidas ao remate do oficio litúrxico. Non faltou, tampouco, a procesión coa imaxe do santo de Padua dende a igrexa ata a zona do Couto.

A nova presidenta do colectivo, Belén Amarante, sinala que de cara ao verán, os días 5 e 6 de xullo Cruz Roja desenvolve un campamento para nenos de 10.00 a 14.00 horas, no local social. Esta entidade tamén organiza cursos de manualidades e ximnasia para maiores. Dende a Deputación está outorgado un curso de ximnasia de mantemento, para o que aínda non hai data, igual que para outros de poda e inxertos, así como de plantas medicinais.