Ata o corenta de maio non quites o saio. Parecese ser que a sabedoría popular este ano vai máis alá, porque o mal tempo non se decide a marchar. Isto está provocando importantes danos no campo, sobre todo no cultivo de millo. A cantidade de agua e as temperaturas, tan baixas para esta época do ano, fai que as plantas non medren, podrezan e que se vexan afectadas por diversas enfermidades. Ademais, unha das conversas máis habituais que se escoitan estes días polas rúas e que os porrais están quedando desertos, xa que o cebolo, os pementos e os tomates xa non chegan nin a nacer.

O millo pertence á especie gramínea, orixinaria de México, e ten unha gran capacidade para desarrollarse en diferentes climas, sen embargo, precisa de moita luz solar e unhas altas temperaturas. Por iso, en zonas húmidas a súa produción é bastante menor. As condicións meteorolóxicas adversas que está azoutando estes días a toda a comunidade fai que o millo estea medrado pouco e mal. En condicións normais para o mes de xuño tería xa, probablemente, seis ou máis follas e tería unha cor verde intensa, pero pola contra, a día de hoxe loce entre tres e catro follas e está amarelo e enfermo, tal e como sinala Miguel Lago, agricultor e gandeiro da granxa A Revolta S.C. do lugar de Moreira, na parroquia cruceña de Duxame. Este agricultor tamén indica o atraso que leva as súas 11 hectáreas de millo. "O millo en condicións normais, con temperaturas máis altas e con noites máis calorosas, nas que haxa entre 10 e 14 graos, nace entre unha semana e nove días, pero estas choivas provocaron que se se atrase a nacenza e o seu crecemento é moito máis lento".

Como toda planta, é de supoñer que si que necesita de agua, pero coma todo na súa xusta medida, e do que máis precisa nesta época na que está brotando é moito sol. "Ao nacer quere humidade, pero sobre todo, quere sol, sol e sol, e levamos desde o 25 con auga e temperaturas baixas". Lago xa non é optimista en cando a cantidade e a calidade de millo que poida recoller porque "despois será afectado pola rosquilla, outra praga, que é un verme que o corta, que de momento non o atacou, pero ao que suban as temperaturas seguro que si".

Os outros inimigos

A agua non só é un dos inimigos que impide que o millo e as demais plantas da horta florezan na actualidade, senón que a xente tamén se queixa da cantidade de bichos que se manteñen á conta dos seus cultivos. Os que levan máis culpas son os corvos, as pegas, as rulas -que este ano aprécianse un maior número pola comarca-, os caracois e diversos vermes. Os paxaros, ante a falta de crecemento do millo, teñen máis doado o de atrapar o grao para comelo. Ante iso e a prohibición de repelentes, a xente bota man do seu enxeño para facer fronte aos seus atacantes. Os campos de Deza locen diversos sistemas, que nada teñen que ver cos tradicionais espantallos. Sacos atados boca abaixo, paus con bolsas e guantes, o incluso, o peixe en vez de ir ao prato, acaba nas leiras. Parece ser que o forte cheiro das xoubas ou de calquera outro peixe espantan aos que se decidan por probar a colleita. Tamén nos porrais hai quen se decanta por utilizar un método máis eficaz, usando unha rede que cobre todas as plantas para que os bichos non poidan acceder a elas. Así mesmo, en máis dun porral, os discos de música, dos que as melodías un xa non desexa escoitar, cobran unha nova vida: a de espantar á fauna máis atrevida.