O Concello de Silleda dá a coñecer o programa da que será a 30ª Romaría do Rapaz, prevista para o último domingo deste mes no recinto da Saleta, en Siador. A cita terá como lema 'A Festa das Cores' e contará dende as 11.00 horas e ao longo de toda a xornada con 36 actividades, entre espectáculos, obradoiros e outras propostas.

Desta maneira, entre os obradoiros inclúense aulas para a creación de chapas, maquillaxe, plástico máxico, gafas molonas, pasta gansa e un de mini horta, ademais de dous talleres que levan por nome "obradoiro vexetal xenial" e "somos auga!". A ANPA do colexio de Silleda tamén pón en marcha o seu propio obradoiro, "¿Qué animal agocha a túa man?".

Ademais destas propostas, os nenos poderán disfrutar este ano con outras actividades pedagóxicas como un espazo multixogo, Animal Karts e, como novidade, unha zona multiaventura infantil. Pola tarde terán lugar iniciativas vinculadas coa reciclaxe e o medio ambiente, de maneira que á marxe da campaña informativa Separar con xeito que a Consellería de Medio Ambiente xa tén levado a eventos como a Festa da Carne ao Caldeiro da Gouxa, a Fundación Humana porá en marcha o obradoiro Texido educativo, co que os participantes poderán converter calcetíns e camisetas en monicreques e bolsos, dándolles así un novo uso.

En canto ás actividades multiaventura, a Romaría do Rapaz contará este ano cunha tirolina de grandes dimensións e con 100 metros de percorrido. Entre as novidades que presenta figuran un campo de Nerf e un circuito de carbikes. Non faltarán un rocódromo, un pontemono e a bóla zorbing, que causan furor entre os máis novos. Respecto ás actividades deportivas, a organización destaca o campo de petanca, as simultáneas de xadrez, o tiro con arco e o futbolín humano.

Ademais destas propostas, o recinto da Saleta terá toda a xornada actividades musicais e de animación, con cabezudos das personaxes de Disney, a música da Requinta da Laxeira e o espectáculo itinerante de A Corva, con Cristina Collazo. Haberá, ademais, catro espazos de hinchables: o toro mecánico, o pirata, o Rei León e o tobogán saltarín. Durante toda a xornada na caseta de información poderán mercarse pulseras localizadoras e camisetas conmemorativas do certame. A recadación destinarase ao programa municipal Silleda Solidaria.

Títeres e desfile

Pola tarde (16.30 horas) O Cego dos Monifates representa Romance de cans, baseado nun conto de Victoria Moreno. Unha hora despois, Barafunda Teatro pón en escea Bambolina. Xa no último tramo da festa, ás 19.30 horas e no anfiteatro da Saleta, arranca o desfile de moda con traxes elaborados con material de refugallo. O prazo de inscripción remata hoxe e nos vindeiros días comezan os obradoiros de preparación destas vestimentas. A Romaría do Rapaz rematará co espectáculo Saabor! da man dos actores Fran Rei e Félix Rodríguez.

Dende o Concello de Silleda faise un chamamento á colaboración dos asistentes á hora de aparcar, posto que hai zonas de estacionamento de balde no entorno do recinto. Como de costume, neste estará dispoñibles servizos de pulpeiro e bar.