As razas gandeiras galegas en perigo de extinción serán protagonistas dun programa formado por máis de vinte actividades durante a 41ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e o 22º Salón de Alimentación Salimat, que se celebran de forma paralela entre o 7 e o 10 de xuño.

Enmarcada no convenio entre a consellería do Medio Rural e a Fundación Semana Verde de Galicia para a promoción destas razas, a programación contempla diferentes concursos. Nove deles estarán organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), xunto coas asociacións integradas e os seus criadores, e centraranse en todas as razas bovinas e a galiña de Mos. Desta última terán lugar a cuarta edición de A Galiña de Mos e os seus Poliños, o undécimo concurso monográfico e a sétima exposición e concurso por lotes, amais dun mercado de aves vivas. Das bovinas celebraranse o 7º Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, o 6º da Vianesa, o 5º da Caldelá, o 4º da Limiá e o 2º da Frieiresa.

Ademais, levaranse a cabo outros dous concursos morfolóxicos, o do Cabalo de Pura Raza Galega, da man da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), e o segundo do Porco Celta, organizado pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), a cal tamén desenvolverá, como novidade, o I Concurso Nacional de Manexadores.

Por outra banda, haberá exposición de todas as razas, as xa citadas e a cabra e a ovella galegas. A elas sumaranse actividades ecuestres de Puraga, que incluirán exercicios de doma de alta escola, unha presentación técnica de exemplares ou unha exhibición de ferraxe a lume.

Restaurante Tapirrazas

Salimat Abanca tamén acollerá de forma paralela numerosas actividades centradas nestas razas. Así, no restaurante Tapirrazas realizarse un menú degustación con tapas de todas as bovinas, a cabra e a ovella galegas, a galiña de Mos e o porco celta. Serán 16 distintas, catro cada día, e incluirán propostas tan atractivas como Goulach de caldelá ao viño mencía, Empanada de costela de frieiresa asada en pota, Galo de Mos confitado en tarteira, Minihamburgesa 100% cordeiro de ovella galega con cebola acaramelada ou Costela de porco celta asada en dúas coccións e mel galega.

Xunto con Boaga, neste Tapirrazas participará o cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do restaurante Andarubel-Fragas do Eume, co obxectivo de poñer en valor as excelentes cualidades culinarias e sensoriais destas razas, diferenciándose como produtos únicos e de calidade e coa garantía do sello 100% raza autóctona.

Así mesmo, o salón contará co espazo De nós para vós, centrado na venda dos produtos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción. Quince produtores pertencentes ás asociacións integradas en Boaga presentarán carne e produtos derivados. Será coas marcas Ganadería Balín, Cachenas de Pantón, Cachenas de San Breixo, Gandería Juan M. Lage, Gandería Tras do Río, Castro de Madrosende, Aves do Concello, Chousa do Lea, David Sueiro-Avicultura Artesanal, Gacarli, Granxa Aeiroa, A Granxa de Lola Crugalo, Galos Maceiros e Granxa Teixeiro e Pistón.