E chegou o día. Despois de meses de traballo, de procurar inspiración pensando na inmensidade do mar e nas aventuras que se poden agochar entre os trastes que habitan o faiado, os gañadores do concurso de micropoemas e micorrelatos subiron onte ao escenario do Teatro Principal da Estrada. As palabras fixeron festa onte para gozo de todos eles, para animalos a se deixar aloumiñar polas verbas que o galego lles vén regalando dende o berce. Desfilaron como gañadores polas súas fermosas composicións e, xunto co recoñecemento, voltaron á casa cun libro e unha flor branca. O verdeiro premio xa o levaban con eles: medrar no uso do galego.

A Festa das Palabras está organizada polos Equipos de Dinamización Lingüística dos colexios e institutos da Estrada. Persegue cada ano motivar aos alumnos a achegarse á escrita en galego a través de microrrelatos dun máximo de 100 palabras e micropoemas con non máis de oito versos. Os traballos deben conter palabras extraídas de títulos de obras de autores recoñecidos co Día das Letras Galegas. Neste 2018, as elixidas foron 'faiado' para os microrrelatos e 'mar' para os poemas, as dúas vencelladas a títulos de María Victoria Moreno. O fallo do xurado deixou 61 gañadores e gañadoras nas diferentes categorías, tanto de Primaria como de Secundaria. Cos traballos premiados fíxose un libro que recolle os textos e14 ilustracións realizadas por alumnos de Infantil. O volume conta cunha tirada de 700 exemplares.

En toda festa que se prece non pode faltar a música. Esta correu onte a cargo de Plan Sibeira, do estradense Gabriel Blanco. A maiores, e como ocorre en cada edición, os participantes contaron cunha madriña literaria. A elixida nesta edición foi aula Carballeira, unha das máis destacadas autoras da literatura infantil e xuvenil do panorama actual, ademais de seren recoñecida contacontos e actriz de teatro e televisión. A Festa das Palabras non remata. Tódolos estudantes locais seguirán celebrando o uso do galego e inspirándose nas súas moitas e fermosas palabras para a próxima edición do concurso.

Os preparativos da próxima convocatoria haberán arrincar no mes de outubro. A participación é libre e voluntaria pero son moitos os alumnos que se animan a sumarse á festa das palabras e compartir a súa escrita en galego.