Día soleado, calor soportable e primavera no seu máximo esplendor son tres ingredientes que invitan aos amantes da natureza a entrar en contacto con ela. E un dos mellores xeitos para facelo é botándose a camiñar polo monte. Así é que onte foron moitas as persoas que participaron en andainas por toda a bisbarra, algunhas delas organizadas oficialmente. Foi o caso da que discurriu entre as parroquias de Silleda e Ponte, a Ruta dos Muíños e das Idades da Historia,en Rodeiro, e unha de observación de aves nas Brañas de Xestoso.

A andaina solidaria a favor do pobo saharauí superou o cento de inscritos en Silleda -a 5 euros por cabeza-, se ben parte deles colaboraron sen acudir á camiñata. Foi a derradeira das actividades organizadas este ano no VI Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharauí, que promove Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), co incansable Pablo Romeo como delegado zonal, quen agradece a colaboración dos participantes e tamén dos supermercados Eroski e Fróiz, de Silleda, e MercaMella, da Bandeira, que aportaron avituallamento, e Autocares Rías Baixas, que fixo posible o regreso dende Ponte a Silleda dos participantes que realizaron o percorrido corto. Un graniño máis de solidariedade co programa Vacacións en Paz 2018, que desta volta traerá dez nenos saharauis a Deza e A Estrada durante o verán.

A andaina partiu da Praza Siñor Afranio, de Silleda, e baixou polo lugar de Mourelos e a parroquia de Vilar ata un outeiro no que se investiga a existencia de petróglifos. Os camiñantes enfiaron logo o descenso ata a antiga central hidroeléctrica de Ponte e a súa vivenda -os voluntarios de Sogaps limparan o acceso, impracticable desde hai anos-, onde tivo lugar outro alto para contemplar as construcións en ruínas e, sobre todo, as fervenzas que forma o río Gouxa -que os de Rosende chaman da Torre- pouco antes de morrer no Deza. Reagrupados no centro social de Ponte, onde tivo lugar un avituallamento a base de froitas e auga, os que se decantaron polo traxecto longo regresaron a Silleda por camiños de monte á sombra das carballeiras.

En Rodeiro foron máis de trinta as persoas que se sumaron á Ruta dos Muiños e das Idades da Historia, que ten no seu tramo inicial o río que da nome ao municipio como eixe conductor e as múltiples construcións que ao pé del se conservan. A Tulla de Fafián, o Pazo de Camba e varias igrexas constitúen algúns dos reclamos dunha das rutas con máis encanto da bisbarra.

E, na véspera do Día Europeo da Rede Natura, unhas trinta persoas -as prazas dispoñibles- sumáronse ao último roteiro ornitolóxico promovidos este ano pola Deputación de Pontevedra e SEO-Birdlife. Como lugar de observación das aves escolleron as Brañas de Xestoso, entre os municipios de Silleda, Forcarei e A Estrada.