"Caligrafía, pintura e poesía son a mesma cousa na obra de Ramiro Cimadevila. O seu compromiso co pincel non é posible entendelo sen o seu compromiso coa lingua e cultura galegas". Estas verbas de Xosé Lueiro serviron onte para presentar ao estradense encargado de ler este ano o pregón da primavera das letras que cada 17 de maio deixa un ramo de flores ao pé do monolito aos irmáns Valladares. Cimadevila foi o elixido para conmemorar con este sinxelo xesto o Día das Letras Galegas, nun acto no que non faltou a música tradicional e o Himno Galego, interpretado pola Banda de Gaitas de Barbude.

"Temos unha lingua propia, agarimosa e feiticeira; unha lingua doce que cando é ben musicada lévanos pola estrada da vida a unha dimensión nunca antes coñecida", dixo Cimadevila, despois de teren feito unha detida lembranza de María Victoria Moreno, a quen este ano se homenaxea coas Letras Galegas. O pintor estradense relatou que, á hora de facer este pregón, saíu na procura de inspiración e chegou ata a Costa da Morte. Confesou que sentiu unha voz no seu maxín: "Non busques máis Galicia. Abre os ollos e o corazón e sinte".

"Tódolos escritores e escritoras teñen algo de pintores ou pintoras. E María Victoria isto sabíao. Ela pintaba os seus cadros imaxinarios con fermosos contos e doces poemas e mesmo chegou a ilustrar algún dos seus libros. As pintoras e pintores temos algo de poetas porque, sen darnos conta, plasmamos as nosas vivezas, os nosos soños ou os nosos delirios", apuntou o pregoeiro, que engadiu: "Non é nada estraño porque escritores, escultores músicos e pintores bebemos das mesmas fontes: os sentimentos".

"Ninguén debe impoñer un idioma. Temos liberdade para falar cada quen como queira (...) A fala debería ser sempre para entendernos e acercarnos e non para separarnos", dixo tamén noutro intre Ramiro Cimadevila.

Despois das palabras do alcalde na defensa do idioma chegou o momento da tradicional ofrenda floral, trala que o Himno Galego puxo a banda sonora na alameda municipal da Estrada.

Tabeirós-Terra de Montes celebrou de moitos xeitos o Día das Letras Galegas. Na agradable e soleada mañá, a asociación A Fervenza de Ouzande propuxo facelo coa súa xa tradicional Ruta das Letras. Nela participaron 20 persoas de diferentes idades, que percorreron 15 quilómetros desfrutando da paisaxe. A organización convidou aos camiñantes, no punto de saída, a adicar o camiño e o esforzo á memoria da escritora María Victoria Moreno. A ruta rematou con libros para todos.

E libros recibiron tamén os alumnos do colexio de Soutelo de Montes, de mans da ANPA. No CEIP Manuel Villar Paramá a celebración do 17 de maio conmemorouse coa elaboración de alfombras con pétalos e follas aportadas polas familias dos nenos que acoden a este centro educativo estradense.