Os alumnos do CEIP Xoaquín Loriga de Prado decidiron onte dar a clase de Coñecemento do Medio, fora do centro. A pesar de que non tiveron que escoitar a lección do mestre, seguramente aprenderon como se o fixeran. Cerca duns corenta de rapaces de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria participaron nunha actividade promovida pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), que se centrou na plantación de sobreiras ao pé deste río.

Este colectivo recibiu unha axuda da Fundación Biodiversidad para desenvolver actuacións de divulgación, estudo e conservación no Sobreiral do Arnego, no que Adega ten un acordo de Custodia do Territorio neste espazo dende o 21 de marzo de 2016. As acción desenvolvéronse na parcela A Zarra da Pena, onde alumnado do CEIP Xoaquín Loriga de Prado, en Lalín puido colaborar na recuperación da sobreira, posto que algunhas están a secar, de aí que axudaran a membros da asociación a reforestar o espazo. Para iso, rapaces e rapazas do centro lalinense plantaron landras de sobreira que se recolleron no sobreiral e se cultivaron no propio colexio.

Os Sobreirais do río Arnego constitúen un espazo natural que está incluído dentro da proposta da Rede Natura 2000. Este espazo conta cunha superficie de 1.537 hectáreas que ocupan parte do municipio de Agolada, Lalín e Vila de Cruces. Desta maneira, a asociación ecoloxista mantén o seu acordo para protexer este lugar, realizando en diferentes actividades que se desenvolven na Zarra da Pena, na que no día de onte os estudantes do CEIP Xoaquín Loriga puideron aprender a como é o traballo de plantación. Neste senso, a intención tamén é de que os cativos tomen conciencia ecoloxista, por iso se atalla dende pequenos para que dende a educación saiban como contribuír coa natureza.

Entre outras actividades Adega realiza inventarios de flora e fauna, recuperación de elementos naturais e etnográficos así como actividades de voluntario ambiental. De feito, o domingo realizaron a descuberta de biodiversidade, coñecido como bioblitz, correspondente á primavera, posto que Adega realizará unha actividade deste tipo por cada estación. Nela porase en marcha o recoñecemento e identificación da flora presente no Sobreiral. Ademais, organizouse un taller para a fabricación de refuxios para morcegos, coa súa posterior colocación no lugar, onde tamén participaron unha vintena de persoas de toda a comunidade galega.