Coma orixe do nome Goiás adóitase propoñer o antropónimo gótico Gaudilanis, xenitivo de Gaudila [*(villam) *Gaudilanis: de Gaudila (Gaud + ila)], que ao mesmo tempo é o diminutivo ou hipocorístico do nome xermánico Gauda, formado sobre a raíz gaud (godo). Na Colección Diplomática do Mosteiro de Santa María de Oseira, elaborada polo profesor Romaní Martínez (1989), aparecen seis referencias textuais a este nome. A primeira é de 1241, na que figura filigregia Sancti Michaelis de Guaais... Suarius clericus de Guaais, Mateus monacus capellanus de Gaais. A segunda, de 1248, di: parrochia sancti Michaelis de [Go]yaes. A terceira, de 1248, fai referencia a Suerius Iohannes de Goaens. A cuarta, de 1251, tamén se refire a Suerius Iohannis prelatus de Goyaes. A quinta, de 1284, di: cadea de sam Migeel de Guayaes. A última é de 1297, na que fala de Pedro Suarez capellan de Goyaes.

Os profesores María José Portela, Margarita Garrido e Miguel Romaní, no Catálogo do Arquivo Monacal de Oseira en 1629, publicado en 1993, tamén recollen a mención que se fai de Goias nun documento notarial de 1362: Fernan Collaço et Martin Peres et Johan Peres et Fernan Miges de Beyllas jurados a os santos avangeos et preguntados se sabem commo o dito Johan Fernandes fez et outorgou sua manda a tenpo de sua morte, et disseron que iasendo o dito Johan Fernandes doente da door de que moreu que feso sua manda et seu testamento en esta maneira, que mandou sua alma a Deus et carne soterar a a iglesia de Sam Migell de Goias et ontre llas outras coussas que mandava a o moesteiro d'Oseyra a herdade con suas derreyturas que el avia en Baral [. . . ] llas que he en a frigesia de Sam Migell de Goias, et que feso [seus herees] Martin de Regufe clerigo et Johan Peres d o Souto, et que feso seus conpridores seus criados Fernando et Sancha et Tereyia Anes.

A súa poboación distribúese en once aldeas:

Beilá: Deriva do xenitivo Vegila,-anis: o antropónimo Begila/Vegila ou Beila/Veila consta do tema gótico weig (loita), quizais relacionado co antigo alemán baga (disputa). Uniuse o sufixo diminutivo -ila, que era átono e foi moi usado en nomes persoais, como Atila (paiciño), Froila (señoriño), Sunila (neniño), etc. O xenitivo destes antropónimos remataba en -anis: Atilanis, Froilanis, Sunilanis, dos que saíron moitos nomes de lugar galegos acabados en -as e en -ans, coma Beilás, que non foi máis ca unha vila de Begila/Beila ou Vegila/Veila.

Nun estudo que o profesor Nicandro Ares realizou sobre este topónimo, cita dous textos tirados da Colección Diplomática do Mosteiro de Santa María de Oseira. No primeiro, de 1242, consta que Miguel Pérez de Carragoso e P. Martín de Lalín venderon a Rodrigo Fernández de Rodeiro unha herdade " in villa que dicitur Beilais e est filigregia sancti Michaelis de Guaais". O segundo é de 1246, ano no que Nuno Pérez, chamado Maldoado, doa a Elvira Fernández, filla de Fernando Muñoz de Rodeiro e Tereixa Rodríguez, doce casais in Beeyas. Aquí non é tan evidente a mención xeográfica de Beilás, pero a xuízo de Nicandro Ares, tal forma nominal tivo a mesma orixe. No terceiro documento, de 1362, o crego Xoán Fernández de Goiás doa en testamento ao Mosteiro de Oseira as herdades de Beylaes. Este texto está tomado da obra Catálogo do Arquivo Monacal de Oseira en 1629, na que aparece a cuarta referencia: Un documento do 1406 no que o abade Alfonso afora a Afonso Fernández de Goyans as herdades de Beiláns.

Cáceme: Procede do xenitivo do nome latino Cacimus (esdrúxulo). Este termo aparece na Colección Diplomática de Oseira, de 1242, coa grafía Cazumi, que pode ser indicio de que o étimo fose un nome persoal acabado en -imus (átono), pois no latín vulgar era frecuente a alternancia -imus/-umus. No interrogatorio do Catastro de Ensenada de 1753 aparece escrito Cazome.

Casares: O seu étimo é un derivado do latín casa-ae: Casale, formado a partir de casa mediante sufixo -ale. Daí sae casar ou casal, dúas variantes do mesmo. Ben puidera facer referencia a este Casares o documento de 1242 recollido na Colección Diplomática de Oseira, onde se cita un lugar chamado Casal de Outeiro: " in casali de Octeru in villa que dicitur Beilais...".

Información popular: Os datos que nos foron facilitados non van desencamiñados co que alí en tempos pretéritos existiu. Esta palabra fai referencia a casales ou casaríos. Disto temos vestixios históricos, como a existencia de paredes con escudos señoriais. Parella a esta consideración histórica, entre os veciños existe a convicción de que o nome se debe precisamente a casaríos que en tempos antigos se levantaban na aldea. Tanto é así que falan da existencia da familia dos Carruchaos, que posuía terras en abundancia.

As Casas Novas: A súa etimoloxía procede do latín casa-ae e novus-a-um, non sendo, posiblemente, un topónimo anterior ao século XIV.

Cotarelo: De orixe prerromana, diminutivo de cótaro. Contén o radical prerromano cot- (elevación no terreo) e o sufixo derivativo átono, tamén prerromano, -aro. Seguindo unha tese do profesor Gonzalo Navaza, os topónimos con sufixo diminutivo -elo, -ela son necesariamente anteriores ao séculos XII ou XIII, pois nesa época xa fora substituído en galego por -iño, -iña. O termo coto é unha voz prelatina, probablemente indoeuropea, común ao galego, ao leonés e ao castelán de Cantabria. A etimoloxía deste nome fai xustiza ao existente, pois nesta aldea é onde se sitúa un dos castros máis vistosos da comarca (Cotarelo), e un cotarro que recibe o nome de Os Cotarelos, lugar que, segundo os veciños, foi o que deu o nome á aldea. Non van moi descamiñados os informadores, xa que a súa interpretación vai na liña do aportado en canto á etimoloxía.

Delaparte: A súa etimoloxía procede do pronome demostrativo latino ille-illa-illud e pars-partis. Ten de particular a conservación do -l do artigo. Consérvase cando vai precedido de consoante, polo que se cadra o étimo non é De+Illa(M)+Parte(M), senón que en lugar de formarse coa preposición de se formou co des ( de+ex). Correspóndese cun topónimo de situación.

A Igrexa: O seu nome vén dado pola situación da igrexa parroquial de Goiás. A etimoloxía procede do grego ekklesia (asemblea, congregación), e que foi asimilada polo latín ecclesia-ae.

Palmaz: A súa etimoloxía arranca no xenitivo do nome latino Palmatius-ii, que deriva de palma-ae. O termo Palmaz aparece tamén nun documento de 1242 recollido na Colección Diplomática de Oseira, facendo referencia a un tal P. Martini de Palmaz: Mateus monacus capellanus de Gaais, P. Munionis de Cazumi, P. Martini de Palmaz, P. Munionis maiordomus. regnante rege F., I. Arie / capellanus de Gaais, P. Munionis de Cazumi, P. Martini de Palmaz, P. Munionis maiordomus. regnante rege F., I. Arie archiepiscopo Compostelle. Os veciños din que o seu nome se debe a que en tempos pasados (hai aproximadamente 200 anos), a familia dos Palmaces de Donramiro (Lalín) chegou a esta aldea para facerse cargo dunhas posesións que adquirira na mesma.

Pareizo: Sobre a súa etimoloxía non temos referencias exactas, agás unha hipotética que se fai no Nomenclator de parroquias, lugares, villas y aldeas, que se leen en los documentos medievales de Lugo, atribuído a Buenaventura Cañizares. Nel aparece: Paraizu=Pareizo, Goyás, Deza?-29 abr. 887 (data). Pero non é segura, a xuízo do mesmo autor, a identificación desa forma medieval co topónimo actual. O texto reza así: Berducedo: Bitolarios: Sandurci. ad gallegos ad castanaria. Pescoso in Deza. Paraizu. Pastoriza. Navego. Asma. insuper et de omni omnino re mea. Outra referencia atopámola nun documento do 12 de abril de 1297 recollido na Colección Diplomática de Oseira, onde un tal Nuño García vende a Arias Méndez e á súa muller María Mel, a herdade que ten na freguesía de San Pedro de Alperiz, por cincuenta soldos. As testemuñas desta venda foron Roy Lourenço de Sello e Gomez Garcia de Parayço e Pedro Suarez capellan de Goyaes.

Os Porcallos: Refírese ao porco (animal). A súa etimoloxía non vén de porcus-i, senón dun derivado medieval: porcalius, porcalia. Non se sabe se se refire ao porco bravo ou ao porco doméstico. Porcallo é palabra común do galego para designar un porco de ceba. Se cadra o topónimo ten orixe nun alcume ou sobrenome dos habitantes do lugar, pero non nun nome persoal.

O Santón: No Nomenclator da Xunta de Galicia non aparece O Santón en Goiás, senón como aldea de San Ramón da Veiga. Pola contra, si aparece o lugar do Toxo como aldea de Goiás. Isto garda relación coa delimitación da parroquia realizada polo Instituto de Estudos do Territorio: nela apréciase que a aldea do Santón non se atopa dentro do seu perímetro. Pero para os veciños, O Santón é unha aldea máis de Goiás a todos os efectos, e O Toxo non ten entidade de aldea, pero si dun lugar pertencente a Goiás. A orixe do topónimo atópase na forma de acusativo do nome persoal de orixe xermánica Sando, -onis, formado a partir do radical sand- (verdadeiro). A forma orixinaria sería polo tanto Sandón, se cadra alterado pola etimoloxía popular por interferencia co común santo. Nun documento de Oseira de 1258 relativo a propiedades en Lalín, aparece unha testemuña chamada M(artin) Sandon que podería ter como apelido ese topónimo na súa forma primitiva.