O vindeiro 5 de abril celebrarase o Festival de Brindo no Casa da Cultura Olga Novo do municipio lucense de Pobra do Brollón, a partir das 19.00 horas. O evento forma parte dun programa impulsado entre o CEIP da Pobra do Brollón e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, co apoio do Concello do Brollón, para impulsar o brindo entre a xente nova.

O obxectivo deste evento é facilitar a transmisión interxeracional do brindo, a forma de improvisación oral en verso propia do Courel. No Festival do Brindo intervirá Antonio Río Montero, improvisador de 91 anos do lugar de Louzarela, do concello do Incio, e daralle a alternativa a Nuria Penas, repentista de 14 anos que estuda no instituto de Vila de Cruces, onde se formou como regueifeira, e que ten familia na Pobra do Brollón. Nuria Penas representa a nova xeración de brindeiras, e actuará con Alba Maria, reguefeira de Vigo, o alumnado da materia Regueifa e improvisación oral en verso de Vila de Cruces, e mais co alumnado do colexio do Brollón, que recibiu un Obradoiro de Brindo impartido por Sara Marchena e Alba María.

Actuarán ademais Lorena Medela, Aleixandra Torres e Carla Verde. Este Festival do Brindo quere visibilizar un dos maiores valores do patrimonio inmaterial desta comarca, a canción improvisada, un fenómeno que pervive en moi poucos territorios de Europa e que está a ser impulsada en diferentes sistemas escolares do mundo para mellorar as habilidades lingüísticas e creativas do alumnado.

Esta actividade forma parte do proxecto escolar Regueifesta, que ten como obxectivo impulsar a improvisación en verso entre a xente nova. A Regueifesta xuntará estudantes de toda Galiza o vindeiro 2 de maio en Santiago, no que participará tamén alumnado do País Vasco e de Cataluña.