Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Martiño Noriega Sánchez: "Cheguei á conclusión de que un non elixe as trincheiras nas que lle toca combater"

"Recoñezo a valentía de Rafael Cuiña de abandoar a zona cómoda do PP e explorar outras vías de representación"

Noriega (esqda.), onte, na presentación do libro "A contradición permanente" en Lalín. // Bernabé/J. Lalín

O xornalista Daniel Salgado e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asinan o título "A contradición permanente" (Xerais Crónica), onde tentan reflexionar sobre a actualidade política galega e nacional dos últimos cinco anos. O Casino de Lalín foi o escenario da presentación da obra, onte, coa presenza de Miguel Mosquera e o rexidor da capital de Galicia. O popular político santiagués falou con FARO DE VIGO de todo un pouco en Lalín.

-Cómo foron eses cinco anos do que fala no libro de Xerais?

-O libro fala da necesidade de pararse a reflexionar o que foron cinco anos moi acelerados, e na conformación do que se deu en chamar o espazo da unidade popular, as mareas municipalistas e previamente AGE. Foi unha etapa onde moitos nos vimos dalgunha maneira envoltos nun intento de respostar ao que estaba pasando coa crise económica e coa situación que había a nivel do Estado, e o libro nace desa necesidade dos dous de dialogar do que aconteceu. Grabámolo dende finais do 2016 ata outubro de 2017, e o libro remata o día do discurso do Rei, o 3 de outubro, coa crise catalana. O libro tenta falar para afóra do espazo político e é un libro incómodo, pero que tenta ser honesto e bastante alonxado de nominalismos. Tentamos explicar nel cómo se foi configurando todo isto e contextualizalo neses famosos cinco anos que foron tan convulsos.

-Ser alcalde de Santiago é o máis semellante a ser conselleiro?

-Eu sempre digo que Santiago é unha cidade moi pequena no cuantitativo pero moi grande na carga simbólica. Eu, que me criei no Ensanche, e que logo me fun vivir a Teo cos meus pais, pero que estudei en Santiago e exercín a Medicina, descubrín ese submundo desa carga simbólica da cidade. Non sei a qué é equiparable, pero Santiago é a capital do país, e sempre digo tamén que é unha cidade moi inclusiva porque todo o mundo ten unha parte de Santiago con el porque estudou, porque pasou ou porque está fóra das loitas localistas e logo tén unha gran carreira de representación. Eu creo que ser alcalde da capital do país é algo moi especial. Hai moita carga de traballo, pero penso que co paso dos anos, dende a distancia, será unha experiencia que me vai a marcar e moitísimo na miña vida. Estou certo diso.

-Medicina ou política?

-Teño a impresión de que un non elixe as trincheiras nas que lle toca combater. Son un médico vocacional que levo anos vencellado á política institucional, e hai dous anos decidín abandonala para reincorporarme polo menos parcialmente á Medicina, sendo consciente de que non abdicaba da política, pero bueno, recibín dalgunha maneira moitas presións para encabezar un proxecto que ao final foi un éxito porque está gobernando a capital como a lista máis votada. Entón, se antepuxera as miñas decisións persoais, seguro que elixiría Medicina, pero as veces derivo estes intereses persoais cara ao que son os intereses colectivos, e xa cheguei á conclusión dende fai dous ou tres anos de que non elixo as trincheiras onde combato. Non podo tomar esa decisión. É algo moi evidente.

-Unha curiosidade: por qué usa gorra e non sombreiro?

-No Concello non, eh! Isto empezou na sombrerería Iglesias, que se fundou en 1912, mercando unha. Foi unha prenda de cabeza que me pareceu atractiva e interesante e logo acabou convertíndose nunha especie de símbolo de identificación. Entón, aí está esa retroalimentación, pero agora xa é por cuestións evidentes porque cumple unha función de abrigo e de protección solar que está moi ben. De feito, cando saes á rúa nos días de inverno e non levas nada bótalo de menos. É unha prenda máis que é un elemento de identificación, e que está moi vencellada a esa sombrerería de Santiago onde compro todas. Cada ano tento coller algunha peza nova nesa tenda.

-É pública e notoria a súa boa relación co alcalde de Laín, pensa que Cuiña é outro membro do cambio ou trátase de "postureo"?

-(Risas) Non vou respostar esa pregunta se non é diante do meu avogado (risas). Eu creo que hai unha boa relación persoal e que hai tamén unha cuestión xeracional, e hai unha empatía entre os dous a nivel persoal. Si que hai diferenzas ideolóxicas, non? Pero eu nel si que recoñezo a valentía de ter abandoado a zona cómoda que significaba un partido hexemónico como é o Partido Popular en Galicia, e ter explorado outras vías de representación na política. É algo que moi poucos o fixeron en Galicia. Evidentemente, hai distancias ideolóxicas entre os dous que non é cuestión de medilas porque están aí, por suposto, pero si que hai un recoñecemento pola miña parte de que el nalgún sentido desafiou a súa propia biografía para buscar espazos de comodidade en política.

-Despois destes cinco anos, hai pesimismo no movemento que vostede representa en Compostela?

-Hai quen falou dun pesimismo no movemento, pero sen renunciar a nada. Está activo, pero hai que ser conscientes de que as cousas mudan. Insisto en que este é un libro honesto, escrito para os que están fóra da política. A creación dun espazo desta ambición conséguese de xeito máis demorado. Tentouse lograr axiña unha unidade popular moi variada, pero pola urxencia histórica do momento, faltou tempo. Agora entramos nunha etapa que non agardabamos ningún de nós, máis represiva e con menos motivación. A ver qué é o que pasa.

Compartir el artículo

stats