A estrutura que arma os capítulos do presente estudo-inventario é sinxela, emporiso, coidamos que eficaz. Os 41 gravados rupestres rexistrados repártense por parroquias. Cerdedo (21), Pedre (8), Figueiroa (7), Quireza (3) e Tomonde (2). A día de hoxe, non se atopou petróglifo ningún nas parroquias de Castro, Folgoso e Parada (non desbotamos a súa existencia). Cada gravado rupestre acompáñase dun texto explicativo (localización, datación, descuberta, descrición (motivos), referencias/bibliografía e artigos ou notas de prensa), fotografías, reprodución a escala (sinálase o norte magnético ou o norte xeográfico), debuxos ao natural e ortofotografía e topografía de situación (máis de 400 ilustracións).

Para a súa heroica consecución, é de obriga salientar o traballo encomiábel de Juan J. Soto, bo e xeneroso. Soto encargouse, con mestría, da fotografía de campo ("sotografías") e, a maiores, puxo o seu coche, os seus aparellos de xeolocalización, a súa cantimplora de zume de limón conxelado e a súa paciencia a disposición da causa. Este proxecto esixiu centos de horas diante do computador e centos de quilómetros en deslocamentos. O moito combustíbel consumido correu sempre pola conta do compañeiro Soto. O libro tamén se beneficiou dalgunha imaxe cedida xentilmente polos fotógrafos amigos Álex Negreira e Xosé Luís Alonso.

Esta campaña de cinco anos, exenta de subvencións, levounos a realizar unhas 250 saídas ao monte (moitas infrutuosas), é dicir, esixiunos percorrer uns 18.000 km nun Peugeot 307 SW (teito solar) e uns 1.300 km a pé por fragueiros, toxos e silveiras (media volta ao mundo). Para o noso desprazamento foron precisos uns 1.100 litros de gasoil, un xogo de rodas e un cambio de aceite. Engádanse, para a materialización do proxecto, unha morea de consumíbeis. Pola contra, a nosa presenza contribuíu á economía local, pois non faltaron cafés, refrescos; almorzos, xantares e merendas. Téñase en conta tamén a roupa, o calzado e os útiles para montear cunha mínima seguranza. A suma dos gastos superaría a cifra dos 8.000 euros (tirando por baixo e sen contar o custo de impresión e publicación deste material en formato libro). Convida a reflexionar que, aínda así, a nosa trasfega saíse máis barata que a colocación dos sinaladores e paneis "informativos" dos petróglifos de Pedre (catro anos despois da súa descuberta e cheos de incorreccións) e a colocación e pronta retirada dos sinaladores do "Complejo romano", derradeiro desatino da alcaldía cerdedense. De todo isto se deduce que en Capitán Gosende non vivimos disto, senón que vivimos para isto. Vai polas ánimas.

Seguimos. A montaxe do libro e os debuxos ao natural estiveron ao coidado dos artistas plásticos Ana Santiso e Nando Vázquez que fixeron un oco nas súas múltiples ocupacións para requintar estas páxinas co seu bo facer e coa calidade e a beleza dos seus gráficos. No verán de 2017, a propia Ana Santiso colaboraría no pintado dun mural (500 m2) para enfeite da parede norte do Pavillón Polideportivo de Bouzas (Vigo). O mural, inspirado na temática dos petróglifos da Laxa das Filloeiras, da Laxa da Romaxe (Pedre), da Serpe do Monte de Baixo (Limeres-Cerdedo)..., é un agarimoso tributo a Capitán Gosende e á arte rupestre de Cerdedo. Eu, Calros Solla, encargueime da redacción e tentei, na medida das miñas posibilidades, guiar a embarcación nesta venturosa singradura. Se mo permiten, non quero disimular o meu contento por bater con 32 dos 39 gravados rupestres arrecunchados naqueles predios.

Amais dos nomes xa citados, cuadrícula a cuadrícula do topográfico, aturando a friaxe ou o calmizo, a chuvia e a xeada, as madrugas e as trasnoitadas, molladuras e insolacións, sempre de xeito entusiasta e desinteresado, as tarefas de busca e reprodución a escala contaron coa inestimábel axuda de Anjo Torres, João Bieites (que tamén nos agasallou cos seus debuxos e composicións), Nacho Grande, Manuel Fortes, Pedro Peón e Alba e Xanma da Revolta. Anjo Torres, Xanma da Revolta, Pedro Peón, Juan Soto e o neno Cobe Peleteiro tamén saborearon os meles da descuberta. Nomear un a un os acompañantes esporádicos requiriría doutro libro coma este. A todas e a todos, moitas grazas.

En ausencia de zoomorfos, antropomorfos ou armas, escusamos abordar en detalle a interpretación dos gravados rupestres de Cerdedo. Agás o extraordinario serpentiforme achado no Monte de Baixo (Limeres-Cerdedo), de trazo naturalista, os motivos representados nos petróglifos cerdedenses son xeométricos ou abstractos (puntos, coviñas, óvalos, círculos concéntricos, labirintos, cruciformes, reticulados, espirais...), é dicir, todos eles indescifrábeis ou inescrutábeis. Abofé, o seu cripticismo é o que os fai tan atractivos aos nosos ollos. Somos coñecedores das moitas e variadas teorías que se argüen ao respecto (asterismos, mapas cósmicos, calendarios solares ou astrais, planos da contorna, mananciais ou correntes de auga, canles enerxéticas, recreación de formas naturais, cultos litolátricos, iconografías sagradas, efectos ópticos, soños ou alucinacións inducidas...). Quedamos con todas e con ningunha. Cotéxese con: "No todos los petroglifos son obra del hombre, también los crea la geología", La Voz de Galicia (21-8-2017).

En Cerdedo, o elemento máis abondoso é a coviña, de diámetro e profundidade variábeis (a antigüidade e a erosión tamén xogaron o seu papel). 16 dos 41 petróglifos cerdedenses compóñense unicamente de coviñas. O petróglifo da Fonte Mosqueira (Chamadoira-Cerdedo) presenta estas concavidades talladas en posición vertical. Nalgúns gravados, probabelmente por efecto da erosión, vense parellas de coviñas unidas por unha canle (tipo "bacilo"). Non obstante, no eido das fossettes, Cerdedo achega un motivo orixinal ao grupo galaico da arte rupestre: a "filloeira".

No ano 2012, arrincadeira deste traballo, atopei no monte de Pedre o sitio arqueolóxico que nomeamos Os Castelos-Laxa das Filloeiras e, en concreto, o gravado rupestre Laxa das Filloeiras II. Este petróglifo componse dunhas 61 concavidades, 30 das cales, segundo expuxemos, "por mor do seu maior diámetro (até os 23 cm), escasa profundidade e fondo plano, semellan o molde tradicional empregado para elaborar as filloas, características que inspiraron o nome". O petróglifo Laxa das Filloeiras II é, dende logo, rara avis, no contexto inscultórico galego e atlántico.

Alén das coviñas, presentes en maior ou menor número en todos os gravados prehistóricos de Cerdedo (excepto Monte de Baixo III (Limeres-Cerdedo), outro motivo recorrente son os círculos concéntricos que, combinados con cazoletas, acadan o seu súmmum nas lombas de Pedre, xa no gravado rupestre da Laxa das Filloeiras I (combinación circular de 5 voltas e 164 cm de diámetro) xa no da Laxa da Romaxe II (unha das combinacións circulares acada as 8 voltas e os 112 cm de diámetro).

Arrequecendo o concepto de atracción turística, os petróglifos de Cerdedo axudan a configurar paisaxes rupestres de gran beleza, xa polos motivos representados (obra do ser humano) xa polo lugar escolleito para a súa representación (obra da natureza). Os penedos que chamaron a atención da humanidade de hai 4.500 anos seguen cativando a humanidade de hoxe en día. Bardante o petróglifo da Veiga da Pedra (ou da Veiga do Chao), sito, consonte o topónimo, nunha chaira de Tomonde, os gravados rupestres aparecen en lugares prominentes respecto á contorna e a escasa distancia (menos de 1 km) dos poboados actuais. O devandito petróglifo da Veiga da Pedra (Tomonde) e o do Outeiro de Riba (Biduído) intégranse nas respectivas aldeas.

Continuará?