Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O legado dos homes pequenos (I)

Os expedicionarios de Capitán Gosende descubriron neste quinquenio 25 gravados rupestres nas parroquias cerdedenses

Membros de Capitán Gosende a carón do petróglifo de Carballás (Cerdedo).

A finais do ano 2009, a editorial Morgante tirou do prelo a Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, o volume 8 da colección Cerdedo in the Voyager. A elaboración da Carta arqueolóxica tiña por obxectivo recadar e ordenar a bibliografía e documentación existentes sobre o particular e ofrecer unha visión elemental e realista do estado da cuestión. Posto que "só se ama o que se coñece", coa súa publicación fíxose por divulgar o inventario arqueolóxico do municipio (catalogado ou non) en prol da súa valorización e preservación, ao tempo que se denunciaba o seu estrago, abandono e indefensión.

Amais de mámoas, castros, vestixios varios, apuntamentos de mitoloxía..., a Carta arqueolóxica tamén daba noticia dos gravados rupestres catalogados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural neste territorio (2001 e 2005) e, así mesmo, dos bens identificados por nós nas nosas primeiras excursións (até 2009) e que aínda non foran consignados nos rexistros oficiais. Sen outras fontes bibliográficas das que botar man, a Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo empregouse como documento de referencia á hora de elaborar o PXOM cerdedense, aprobado en 2014.

En 2009, no tocante á arte rupestre, o número de petróglifos catalogados por Patrimonio en Cerdedo ascendía a 10. Velaquí, segundo a súa denominación rexistral: petroglifo de Vilar, petroglifo de Chamaoira ou Chamoira, petroglifo nº 1 de Acibeiro, petroglifo nº 2 de Acibeiro, petroglifo Veiga da Chan, petroglifo nº 1 do Meixón, petroglifo nº 2 do Meixón, petroglifo nº 3 do Meixón, petroglifo do Castro de Arén e petroglifo da Fonte Mosqueira.

Pola nosa banda, os paseos eventuais polo monte achegaran noticia doutros 6: petróglifo da Cerqueira, petróglifo do Outeiro Aciveiro Ib, petróglifos do Monte de Baixo IV e V e petróglifos do Alto do Monte I e II.

En conclusión, a nosa C arta arqueolóxica daba razón da existencia de 16 gravados rupestres en Cerdedo. Este algarismo estableceu o punto de partida do traballo de exploración que, dende 2012, o colectivo Capitán Gosende levou a cabo neste concello. Cinco anos despois, no tocante a petróglifos, a angueira non só serviu para actualizar os datos do noso primeiro inventario (con oito anos de vixencia), senón para corroborar que, emulando a iniciativa daquela Sociedad Arqueológica de Pontevedra de comezos do séc. XX, este labor exploratorio era absolutamente necesario.

Os membros de Capitán Gosende non ignoramos o contido da Lei 5/2016 do patrimonio cultural da Galiza e, en concreto, o recollido no seu artigo 95 apartado (d) que inclúe no eido da actividade arqueolóxica: "O estudo da arte rupestre, entendido como o conxunto de tarefas de campo orientadas á investigación, á documentación gráfica e a calquera manipulación que supoña contacto co soporte dos motivos representados"; nin tampouco o subsecuente artigo 96. (Léase: Cota, R.: "Prohibido buscar", Diario de Pontrevedra (25-6-2017)).

Os de Capitán Gosende (filólogos, historiadores, xeógrafos, enxeñeiros, titulados en Belas Artes, autodidactas...) vimos desenvolvendo a nosa actividade de investigación multidisciplinar e de promoción cultural na comarca de Terra de Montes e, principalmente, no antigo concello de Cerdedo. A salvagarda da arte rupestre é unhas das nosas moitas inquedanzas. Ninguén pode negar que o problema non resolto do despoboamento condena esta terra á orfandade, ligándoa a un futuro incerto e someténdoa a intereses espurios. Sen dúbida, pola súa vulnerabilidade, o acervo arqueolóxico será un dos grandes damnificados desta situación terminal.

Capitán Gosende enorgullécese de figurar na nómina de asociacións ou individualidades que, na Galiza, se botaron ao monte acirrados pola urxencia de dar a coñecer e protexer co coñecemento o que é patrimonio de todos. En Capitán Gosende este quefacer, sempre respectuoso co obxecto de estudo, levouse a cabo de xeito altruísta e sen ánimo de lucro, empregando a comunicación directa, os artigos ou notas de prensa, as publicacións en webs e blogs especializados ou as redes sociais para informar as autoridades e ao pobo en xeral do froito das nosas pescudas.

Malia a incómoda alegalidade da nosa misión, sentímonos moi orgullosos do camiño que se emprendeu. Agora, baixo a sombra do labor cumprido, facemos pouso e botamos a vista atrás. As mostras de apoio, concretadas na adhesión e na difusión, foron constantes ao longo desta tempada e alentaron o noso esforzo (mención especial merecen Xabier Moure, Xurxo Salgado, Xoán Carlos Garrido, a edición comarcal de Faro de Vigo e o meu editor Moisés Barcia). Entendemos que plasmar nunha publicación esta apaixonante aventura é o mellor xeito de agradecer o agarimo recibido, facer perdurábel a gozosa lembranza e, por suposto, revelar unha realidade patrimonial que permanecía oculta. O papel impreso tamén servirá para honrar, con nomes e apelidos, a afouteza, a perseverancia e o desprendemento dos Gosende. Que chova que vente!

Eis, conforme a lenda, O legado dos homes pequenos, o volume nº 18 da colección Cerdedo in the Voyager; un libro único na súa especie, posuidor, cando menos, dos atributos da orixinalidade, da frescura e da utilidade. De vermos recoñecidas apenas estas calidades, darémonos por satisfeitos.

Cadremos contas. As tarefas de exploración efectuadas ao longo do quinquenio 2012-17 deparáronnos os seguintes resultados (non se abordou nesta publicación a descuberta de mámoas e depósitos castrexos (Faro de Vigo-Terra de Montes, 29-3-2015 e 23-4-2015). No territorio do antigo concello de Cerdedo, os expedicionarios de Capitán Gosende descubriron os gravados rupestres que, a seguir e por parroquias, enumeramos:

Na parroquia de Cerdedo: o petróglifo do Outeiro da Bichoca, o do Outeiro de Riba, os do Outeiro Aciveiro II e III, o do Monte de Baixo Ib, o serpentiforme de Limeres, o do muíño de Herdeiros de Baixo, o de Carballás e o da Laxa do Sangal.

Na parroquia de Figueiroa: o petróglifo do Alto do Monte III, o de Lomba de Castrodiz, o do Outeiro Rachado e o do Coto Laceiras.

Na parroquia de Pedre: os petróglifos da Laxa das Filloeiras I e II, os das Corvas I e II, os da Laxa da Romaxe I e II e o do Outeiro da Corva. Sumemos os cruciformes que adobían a pedra antropomorfa denominada Xacente do Coto das Insuas (O Serrapio).

Na parroquia de Quireza: o petróglifo do monte de Laxoso, o da Granxa do Hospital e o de Vilarchán.

Na parroquia de Tomonde: o petróglifo da Porteliña.

É dicir, un total de 25.

Se sumamos estes 25 petróglifos aos 6 descubertos por membros de Capitán Gosende con anterioridade ao período 2012-17 (petróglifo da Cerqueira, do Outeiro Aciveiro Ib, do Monte de Baixo IV e V e do Alto do Monte I e II) e xa consignados na Carta arqueolóxica de 2009, obtemos a cifra de 31.

A maiores, Capitán Gosende achou 4 gravados rupestres no concello da Estrada (parroquia de Sabucedo): petróglifos do Outeiro da Pena I, II, IV e V; 1 gravado rupestre no antigo concello de Cotobade (parroquia de Caroi): petróglifo de Regaseis; e 3 no concello de Forcarei (parroquias de Castrelo e Presqueiras (Santa Mariña)): petróglifos do Vieiro, da Mámoa Grande e da Laxa das Buratas. Daquela, 39 gravados rupestres na nosa conta e na conta do patrimonio arqueolóxico da Galiza.

En conclusión. No ano 2012, en Cerdedo sabíase da existencia de 16 gravados rupestres. Segundo a nosa denominación: petróglifo do Outeiro do Mestre (Deán-Figueiroa), petróglifo da Veiga da Pedra (Tomonde), petróglifo das Brañas e petróglifo do Outeiro Aciveiro I (Biduído-Cerdedo), petróglifos do Monte de Baixo I, II e III (Limeres-Cerdedo), petróglifo da Laxa do Castro (Arén-Cerdedo), petróglifo da Laxa do Almanaque e petróglifo da Fonte Mosqueira (Chamadoira-Cerdedo) (catalogados por Patrimonio, 2001 e 2005). Amais: petróglifo da Cerqueira e petróglifo do Outeiro Aciveiro Ib (Biduído-Cerdedo), petróglifos do Monte de Baixo IV e V (Limeres-Cerdedo) e petróglifos do Alto do Monte I e II (Deán-Figueiroa) (Carta arqueolóxica..., 2009). Na actualidade, no territorio de Cerdedo localízanse 41 gravados rupestres, 25 petróglifos máis que hai cinco anos, reafirmando a riqueza inscultórica da conca do río Lérez, da comarca de Terra de Montes e da provincia de Pontevedra, foco irradiador da arte rupestre. A máxima concentración de petróglifos (24 de 41) dáse no cuadrante sudoeste, deslindado polo río Lérez e os seus afluentes Castro e Seixo.

Continuará?

Compartir el artículo

stats