Pepo Suevos e Marcos Pereiro tomarán o relevo do seu colega José Antonio Touriñán como pregoeiros da II Festa Gastronómica do Porco, que se celebrará en Silleda os días 9 e 10 de decembro. "Vimos nós porque entre os porcos hai que axudarse", bromeou onte Suevos na presentación dun evento gastronómico que aspira a consolidarse como o noveno do municipio. A festa coincide na segunda xornada co día da patrona de Silleda, Santa Baia, polo que haberá misa con procesión e un concerto de Os Sin Son Ghaiteiros, pois a intención é recuperar tamén esta celebración nos últimos tempos. "A Santa Baia, pobriña, fixéronlle de todo, como se lle fai ao porco", fiou Marcos Pereiro.

A celebración incorpora este ano unha feira de artesanía para a que hai xa unha trintena de inscritos, todos de gran nivel, tal como indicou Antonio Rodríguez Loureiro, presidente de IdeaSilleda, a asociación organizadora. Trátase dun complemento para a festa a partir dunha primeira edición que tivera lugar "con éxito" hai catro anos. A cita tamén incluye este ano postos de venta, dous de produtos do porco e outros dous de agricultura da zona.

A comisión engade tres novas racións á oferta da primeira edición e alcanza así as 17. As novidades son panceta e costela á prancha e chourizo de cebola, que se suman ás preexistentes: Fuciño, lingua, patas, rabo, panceta, lacón e costela cocidos, empanadas de chourizo e panceta e de raxo, xamón curado, chourizo, cacheira, orella, raxo e pataca con verzas. Os prezos mantéñense entre 3 e 4 euros. Desta volta haberá unha caixa rápida para mercar pan e bebidas.

Closing Tour

Festa e feira compartirán ubicación na rúa Pintor Colmeiro e permanecerán abertas en horario de 11:00 da mañá a 12:00 da noite o sábado e de 11:00 a 18:00 horas o domingo. De feito, as datas previstas inicialmente para a II Festa do Porco modificáronse para coincidir tanto coa patronal de Santa Baia como co festival de orquestras Closing Tour, que congregará a Panorama, París de Noia e Marbella no pavilón 1 da Feira Internacional de Galicia (FIG). Precisamente, a organización habilitou xa vinte puntos de venda para a adquisición anticipada das entradas, que, se ben custan os mesmos 5 euros ca en taquilla, deste xeito dan dereito a unha consumisión.