Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Goiás segue os "pasos" dos avós

Revive o domingo un baile con máis de medio século e música recuperada pola Banda de Lalín

Os mozos, vestidos con colchas, marcan o paso na procesión tras a recuperación da tradición. // Cedidas

A parroquia lalinense de Goiás mantén unha tradición de máis de medio século para honrar a Virxe do Rosario. A xuventude é a encargada de mantela no paso do tempo. As festas dan comezo hoxe pola noite, coa actuación de La Fórmula e Ledicia. Continuarán o domingo, coa misa solemne as 12.00 acompañada pola Coral Polifónica de Trasdeza Silleda. Na procesión levarase a cabo o tradicional baile dos mozos ao son da música da Banda Municipal de Lalín.

Son moitos os veciños que recordan esta tradición desde que eran cativos. Así o conta Manuel García, veciño, membro da comisión de festas e un dos organizadores deste baile. "É unha festa moi antiga, antes facíase polo mes de novembro, alá polo ano 1955 aproximadamente", explica. Nun principio, só eran os mozos homes os que marcaban o paso na procesión. Houbo varios anos nos que esta tradición se perdeu. "Non sei ben porque foi, pero houbo varios anos de parón nos que non se fixo o baile", aclara García. En torno ao ano 1974 empezaron outra vez a recuperar esta tradición, na que xa homes e mulleres, tanto casados como solteiros, se poñían en fila e marcaban os pasos da procesión da igrexa ao cruceiro e volta. Desde esa data, non houbo ningún ano que se deixase de facer. As mulleres puideron entrar nesta tradición xa que comezaron a ter máis dereitos e, por exemplo, tamén eran elas as encargadas de pagar as cuotas da festa. Por este motivo, e porque elas sabían os pasos do baile con só miralos, os veciños decidiron que elas bailasen para que non se perdera a tradición.

A vestimenta que empregaban desde un principio era moi sinxela: unha manta ou colcha da cama colorida por encima da roupa que levasen para asistir a misa. Esta roupa simulaba aos mantóns que se empregaban nesa época, pero de forma máis económica. Na actualidade, isto cambiou un poco, os mozos que participan no baile deben ir vestidos de branco e negro e colocar os mantóns, que compraron entre os veciños da parroquia, cruzados cruzados por encima da roupa.

"Este baile é unha tradición que empezou como unha forma de honrar a nosa patrona, a Virxe do Rosario", comenta Manuel García. Nun principio os pasos ían ao son dos músicos da Banda de Goiás, que foron os que fixeron as partituras coa música axeitada. Estes papeis perdéronse, polo que os músicos que quedaban vivos seguían tocando, ata que "Julio da orquesta Caracas volveu a facer as partituras, que logo se volveron perder hata que os atopou Luis o flauta", aclara García. Porén, estas partituras non estaban a bo recaudo, xa que se volveron a extraviar. Foi a Banda de Lalín a encargada de recuperar a música que acompaña os pasos da procesión, por iso agora é a encargada de asistir a estes festexos.

Compartir el artículo

stats