Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O pendello das festas e reunións familiares

A familia de Juana López dispón dun alpendre dentro do recinto tradicional agoladés

Edelmira Calviño mostra a decoración do seu pendello particular. // Bernabé

Os Pendellos de Agolada non só teñen interese para as administracións públicas, tamén hai particulares aos que lle chaman a atención estes alpendres para o seu uso persoal. Aquí atopamos o caso de Juana López que dispón dun para o seu uso persoal, compartíndoo coa súa familia para facer alí as celebracións e xuntarse todos a comer o pulpo os días de feira, entre outras actividades.

O pendello do que dispoñen foi comprado fará en torno a oito anos. "Nós vimos o cartel de que os propietarios anteriores estaban interesados en vendelo e a Xunta, nesa época, estaba comprando os outros, e decidimos mercalo", comenta a propietaria Juana López. Os anteriores donos faleceron, polo que os seus herdeiros non se quixeron facer cargo. Este alpendre é empregado por toda a familia, de feito as chaves están en Agolada, aínda que os donos residen habitualmente en terras asturianas. Cando se apoderaron do pendello os arranxos que fixeron foron todos na zona de interior. "Fixemos un recintado para que o frío non entrase e colocamos, cadros e unha mesa no centro para poder facer comidas e reunirnos. Quedou moi bonito, é un sitio diferente", comenta Edelmira Calviño, membro da familia. Por fóra, as obras non se poden facer, xa que ten que manter a estética exterior dos demais, aínda que, outros propietarios sí que fixeron reformas nos seus alpendres. Esta compra non é para sempre, xa que, por contrato, cando sexa preciso podrá ser expropiado pola Xunta ou o Concello. "Polo momento vanse aproveitando, porque iso non se sabe cando vai chegar, xa que está un pouco desviado dos outros", comenta Edelmira Calviño, familiar da propietaria. Os pendellos teñen maior utilidade cando se celebra o Corazón da Artesanía ou a Mostra, pero ata este alpendre non chegan os postos porque se atopa máis para riba. "Por eso, de momento non ten interese para que sexa expropiado, asique nós disfrutámolo", alude Edelmira Calviño.

Toda a familia se reúne en torno a mesa do interior cando hai unha data sinalada como poden ser os días de feira. Se é no verán, gózano máis porque se agradece estar alí dentro, "cando é no inverno, levamos estufas para quentarnos", aclara Edelmira. Os día de feira, en lugar de ir comer o pulpo a casa, reúnense en torno a mesa do pendello. "É un sitio diferente, é mellor estar no noso pendello que nun restaurante", comenta Edelmira Calviño. Os propietarios tamén dispoñen dunha casa en Vidueiros, polo que cando veñen residir para aí, polo verán ou noutras épocas do ano, se cadra con algunha celebración organízana no alpendre. "Nós dámoslle moita utilidade, cando temos algunha ceremonia non nos imos de restaurante. Preparamos a comida e reunímonos todos alí", aclara Edelmira Calviño.

Compartir el artículo

stats