Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Pazo de Eidián, en Borraxeiros

¿Casa labrega, de turismo rural ou forte carlista?

Dende mediados do século XVI este inmoble tivo máis de media ducia de propietarios diferentes

Foto cedida polos actuais donos nos que se aprecia o deterioro, hai varios anos, da vivenda principal.

O Pazo de Eidián atópase no concello de Agolada, no lugar do mesmo nome, preto do que en tempos foi a sede do concello, na Guillerma, parroquia de Borraxeiros, a uns poucos quilómetros doutro pazo de lenda e historia do mesmo nome.

Rodeado do que aínda queda das fragas do Coto de Basadre e as de Cendoi sobre un pequeno outeiro dende onde se divisa unha ampla vista sobre o val do Ulla, semella un lugar ideal para vivir, e dende logo a súa historia así o testemuña.

Foi no ano 1586 cando rei Felipe II cedeu a súa propiedade por venda ao señor dos cotos de Basadre, Ramil e Basadroa, Jorge Varela de Boado, xa que ata aquel entón a súa propiedade era do convento de Sancti Spiritu de Melide, antes propiedade da Orde dos Templarios, que o doaran ao Conde de Lemos. Algúns anos mais tarde, o coto cambiaría de mans e pasou a ser propiedade de don Diego de Lemos e Cardoniga, Señor de Amarante, do que finalmente ía pasar aos López de Basadre, para se converter en casa solarega de don Bartolomé, escribán real, alá polo comezo do século XVII, polo que sen dúbida o pazo tén a súa orixe a mediados do XVI.

Durante anos foi casa solar, e pazo de diversos señores, fillos e netos da linaxe dos López Basadre, ata que no devir da primeira Guerra Carlista, foi transformado en acuartelamento de tropas fieis a Isabel II.

Temos que recordar que esta primeira guerra fora unha contenda civil entre partidarios de Isabel II e da rexencia de Maria Cristina de Borbón e os do infante Carlos Maria Isidro de Borbón, e que foi coñecida como a Guerra dos Sete Anos.

Conta a historia, tal e como recolle no seu libro "Reseña histórica do Condado do Deza" de Francisco Vilariño, que "a comarca do Deza apresta máis de dous mil homes para a causa lexitimista, a que encabezaba don Carlos, irmán do rei en virtude da Lei Sálica". Temos que lembrar que esta concedía os dereitos sucesorios lexítimos aos varóns, polo que os seus partidarios consideraron coma unha treta a usurpación do trono pola rexenta Isabel II.

Estando as tropas isabelinas acuarteladas no Pazo de Eidián en cada unha das saídas, eran importantes as baixas que sufrían por mor, como tempo despois se descubriu, da información que o traidor "Florencio Guerreiro", facilitaba ás tropas carlistas, que coñecedores dos movementos de aqueles, lles facían encerronas e os agardaban agochados nos lugares de paso máis axeitados ás súas estratexias militares, ata que nunha daquelas patrullas pasaran polo lugar de Amance onde tiña a súa casa o traidor, o que ao velos chegar deixounos pasar e xa cando estaban ben lonxe comezou a berrar contra eles e facer mofa e escarnio de que era el o que informaba dos seus movementos. Mais quixo o destino que por detrás chegara un soldado que viña medio coxo, e que ao escoitalo soubo que aquel era o traidor, polo que lle disparou un tiro nunha perna, capturando e levando preso ao traidor, que foi fusilado e a súa cabeza colgada dunha das almenas enriba do portalón de entrada do cuartel, xunto ao escudo do pazo, onde quedou como era costume para escarmento publico.

Antes de morrer, foi salvaxemente interrogado e torturado para que confesara o nome do que era o seu cómplice, o que finalmente fixo delatando ao seu compinche. Deste xeito os isabelinos capturárono e na mañá do dia 12 de outubro de 1835, foi executado diante de todo o pobo de Agolada, no seu recinto feiral dos Pendellos, onde tiña lugar a feira do mes, como era costume dende o seu traslado dos chaos de Aián, ao pé do Farelo.

Atado de pés e mans metéronlle entre as roupas e a pel puñados de pólvora, á que prenderon lume, morrendo carbonizado entre berros de dor e peticións de plañideira súplica, sen que os seus verdugos se apiadaran da súa alma. Sobre o seu peito colocáronlle un cartel que dicía: Por traidor ao rei don Carlos.

Lagar e xardíns

Os episodios documentados onde participaran as tropas isabelinas acantonadas no pazo cuartel de Eidián son moitos e están historicamente recollidos nos libros, como o enfrontamento rexistrado no ano 1837 no lugar da Baiña, próximo a Eidián, onde se refuxiarían as tropas tralos muros da súa "Casa Grande", para repeler o ataque dos carlistas o mando de Ramos de Arzúa, que mesmo tivo que poñer lume nas portas de madeira, para continuar o ataque a baioneta calada no asalto seguinte corpo a corpo.

Co transcorrer do tempo, o pazo a mediados do século XIX, cambia de mans, por venda á familia Pampín, de Melide. Segundo parece o novo propietario era cego, de aí que a xente comece a denominar a casa solar, como "A casa do cego", erroneamente tal vez por confusión ou deformación da escritura, dalgún escriban da época nalgunhas reseñas noméase o pazo como a "casa do lego".

Se nos paramos na contemplación do pazo, antes e despois da súa actual recuperación, veríamos que tralo monumental portalón de madeira sobre o que loce o escudo de armas de López de Basadre, no que podemos ver as famosas cadeas que falan da participación do seu señor na famosa batalla das Navas de Tolosa, agóchanse diferentes construcións, de distintas etapas e nacidas da necesidade e usos dunha casa labrega que fora en cada momento do tempo.

O muro exterior principal, de mamposteria e sillería de granito dá conta do seu uso como forte ou cuartel, xa que presenta diferentes saeteiras e restos de almeas, así como sobre o portalón, que mantén un certo aspecto de torre nobiliaria, de acceso que dá paso ao zaguán empedrado de cantería, que deixa ver a ambos lados dúas ás de edificacións en forma de "L", formando un atípico e irregular patio interior.

Do uso agrario da casa, xa nos últimos tempos, dá conta a existencia dun lagar, o fermoso hórreo granítico con perfís de madeira e rematado nunha cruz e con pináculos nos extremos é de tres pés, e o seu pozo de pedra, así como a típica eira empedrada das casas labregas do país, onde se separa o grao da palla.

Do interior da vivenda principal, que consta de planta baixa e piso, destacamos a súa fermosa lareira, e os parladoiros nas ventás, así como sillares de cantería en case todas as ventás, e as escaleiras, con balaustrada e chan de pedra de contería.

A súa fábrica móvese ao redor deste patio emparrado, do que saímos pola porta de cocheiras ao seu xardín de máis de 15.000 metros cadrados.

Reforma desde o ano 2002

Señorío e maxestuosidade entrelazados coa austeridade normal do rural e o agro galego, propio e común das casas pacegas, os elegantes pazos, e as casas fidalgas construídas na maior parte durante os séculos XVII e sucesivos, cargados de historia que non podemos nin debemos esquecer, e dende logo imprescindibles de visitar e admirar.

Finalmente tras varios anos de esquecemento e deterioro, entre outubro do ano 2002 e setembro do 2004 en que rematan as obras, lévase a cabo baixo a dirección dos arquitectos Miguel Serrano e Carmen García González, a rehabilitación desta construción pacega, na que o estado de abandono tiña feito estragos de consideración nas cubertas e muros exteriores e nas edificacións do patio interior.

A intervención e os traballos desenvolvidos foron sumamente respectuosos coa inicial construcción existente, usándose materiais propios deste tipo de edificacións, recuperándose a pedra orixinal que se limpa, enfosca e rexunta nalgún lugar mesmo con morteiros de cal, o hórreo ,a eira exterior e pozo, así como escaleiras e resto do conxunto, ao que se engade a maiores, unicamente, aseos dentro do acondicionamento do comedor principal e cafetería, precisamente na á esquerda, que foi no seu tempo o espazo adicado ao acuartelamento das tropas isabelinas durante a contenda carlista.

Así mesmo, na edificación principal habilítanse oito dormitorios con baño e dúas sás de estar, e remata o proxecto coa rehabilitación de tres novas habitacións nos edificios auxiliares levantados ao redor do patio de acceso.

Xunto cos traballos realizados para recuperar a madeira do portalón de acceso e os piares do porche interior, tamén se recuperan as vigas que aínda eran útiles por atoparse en bo estado, así como a tarima do chan cando non foi necesaria substituíla por outra de madeira de coníferas, tratadas con cera.

O resultado final é a actual residencia pazo de Eidián, casa de turismo rural que podemos admirar e contemplar en todo o seu esplendor.

Para rematar, quero expresar dende estas páxinas a miña gratitude a dona Isabel Blasco pola súa amabilidade e a información e fotos que amablemente me tén facilitado.

Compartir el artículo

stats