Suso Otero naceu en Silleda, pero logo de casar con Lola Otero Lado marchou vivir para A Bandeira e alí foi, segundo comentan moitos dos seus amigos e veciños, un grande dinamizador da vila capital da empanada.

Desde que finou, no ano 2003, veciños ou o club de petanca da localidade pensaron en rendirlle algún tipo de homenaxe en sinal de recoñecemento do seu grande traballo en prol, sobre todo, dun deporte que os bandeirenses coñecen moito.

A tradición da petanca nesta vila nace en 1978, cando Enrique Creo e Luis Vázquez fundan Petanca Bandeira en colaboración con Manuel Viéitez. Pouco despois -en 1980- Suso Otero púxose á fronte desta sociedade, que presideu durante os oito anos seguintes.

O club quere aproveitar as festas da localidade para celebrar o I Open Internacional de Petanca "Suso Otero", que, na modalidade de dupletas está aberto a todos os que desexen competir aínda que non sexan deportistas federados. "O presi", como aínda hoxe se refiren a el na entidade deportiva, foi o responsable de que o Club Petanca Bandeira "fose o dinamizador das actividades do pobo durante os anos nos que estivo á fronte do club". Recordan que os deportistas locais, daquela, comezaron a competir en liga regular ou incluso chegaron a desputar o Campeonato de España celebrado en Santander. Tamén nos campionatos de España de segunda que foran en Barcelona. Otero non solo se encargou da coordenación do equipo, xa que tamén foi un destacado xogador do mesmo. Os promotores desta en certa medida homenaxe, destacan de Otero que o club e o seu xa falecido membro encargáronse de organizar outras actividades sociais como a sardiñada do San Xoán, os campionatos de truco, xornadas micolóxicas ou a proposta chamada Xogamos na carballeira. Consistía en que entre xullo e setembro as tardes dos sábados na Bandeira estaban dedicadas á práctica da petanca, campionatos de tiro ou mixtos. O club lembra tamén que foi o impulsor de participar na Semana Verde representando á Festa da Empanada nas diferentes edicións daqueles anos; "unha iniciativa coa que se conseguiron moitos cartos para distintas agrupacións do pobo, ademais do propio club, como a banda de música, Amigos da Empanada ou Sociedade Deportiva".

No eido depotivo, Petanca Bandeira foi campión galego en 1979 e representou a Galicia no Campeonato de España de Benidorm. A tripleta formada por Enrique Creo, Darío Guzmán e José Manuel González remataron no posto 11, pero foron os únicos capaces de gañar ao conxunto de Alicante, que vencería o torneo. No 1981, en Santander, volverían a participar no campionato estatal, vencendo ao Betis de Sevilla, daquela subcampión do mundo. Logo chegaría a liga galega, ata acadar a División de Honra.