Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os franceses en Terra de Montes e Trasdeza en 1809

O xuíz da xurisdicción de Bemposta castigou con 3.000 soldados as xurisdiccións de Montes e Trasdeza, que chamaba insurxentes

Recreación da presenza dos franceses no Mosteiro de Aciveiro.

Ben coñecida é a invasión en España das tropas de Napoleón en 1808. Para loitar contra os franceses, na xurisdición de Trasdeza, é dicir, na comarca de Silleda os veciños formaron unha xunta de armamento e defensa nomeando presidente ao avogado José María Rivas Taboada, como vocais ao escribán e veciño de Escuadro Manuel Ogando Cortés, a Manuel Antonio Cobián, Antonio López e Francisco Antonio Villar (síndico procurador xeral), como secretario a Pedro Antonio Gómez, veciño de Escuadro, e como tesoureiro a Manuel Ramón Martínez.

O presidente José María Rivas nacera en Siador en 1763, fillo de Juan Patricio Rivas e de Rosa Taboada, da casa do Campo en Santa Eulalia de Silleda, e neto por liña paterna doutro Juan Patricio Rivas, natural de Cobas (Folgoso) e de Gregoria Reigosa, de Garellas (Forcarei).

Polo outro bando Juan Antonio de la Vega exercía polo goberno francés como xuíz na xurisdición de Bemposta (comarca do Ulla con sede en Rubín. A Estrada). Dito Juan Antonio, resentido de que as xentes de Trasdeza non acataran as súas ordes e proclamas, cunha lexión de 3.000 soldados franceses decidiu castigar a estes pobos, que el chamaba insurxentes, e sobre todo aos compoñentes da xunta trasdezana, primeiro o 19 de marzo de 1809 e logo o 30 de abril e 1 de maio dese ano.

Segundo nos conta o propio José María Rivas, o exército francés "taló, abrasó, y devoró en la inmediata jurisdición de Montes todo cuanto le fue posible sin perdonar el santuario y sus iglesias en que asesinó considerable número de personas y luego en Trasdeza. Y escogió los bienes de los que defendieronla justa causa. A mi en Garellas me incendió la torre y cocina con la granera de casa principal y la de un casero [?] después del saqueo de muebles y alhajas, quema de granos y otras cosas de valor de más de 20.000 reales, todo ello en venganza por haberme resistido a reconocerle como juez intruso en dicha villa". Tamén saquearon a súa casa do Campo en Silleda levándose todas as xoias de ouro e prata que lle pertencían polos seus antepasados, aínda que os habitantes da casa puideron salvar a vida, escapando para Brántega, onde vivía a nai da súa segunda muller.

E o 30 de abril de 1809 as tropas francesas "llenos de la mayor fiereza y barbarie, bajando de las montañas de Acibeiro y jurisdicción de Montes, que dejaban casi toda incendiada, principiaron a ejecutar su humanidad en la parroquia de santa María de Gestoso, y con particularidad en el lugar de Fontelas y casa de Pedro Sánchez, como cuartel que fuera para la reunión de nuestras compañías antes de su salida, y enseguida bajaron a la feligresía de Escuadro, en donde vivían dos vocales de la Junta y su secretario, y a porfía demostraron el implacable odio que habían concebido a los valerosos vasallos de esta jurisdicción; porque además del saqueo general, mataron cuantos viejos, niños y enfermos que no pudieron escapar a su fuerza: hicieron lo propio con los ganados mayores que no podían reunir, y quemaron las más y mejores casas de la dicha jurisdicción de Escuadro, Moalde, Santirso y otras, ultrajaron en la de Escuadro su iglesia, y en fin es incalculable el daño?" (Acta del 8 de maio de 1809).

Tamén o cura de Millerada Antonio Soto Varela, fillo de Francisco Soto e de María Varela, nolo conta no libro parroquial de defuntos: "El 30 de abril de 1809 volvieron los franceses a invadir por segunda vez este pueblo, quemando muchas casas, y muerto muchas personas y de esta parroquia han asesinado a D. Antonio Alberte, marido de Bernarda Fraíz, vecino de Vilar, a Manuel Limeres hjo de Susana, y a Antonio Pena hijo de Sebastián y de Ignacia Cachafeiro, vº de Garellas, y a Juan Pena hijo de Alonso y de Maria de Arca, y a Ramón Cachafeiro hijo de Manuel y Benita Valiñas vecino de Quintelas, y a Manuel Fernández, viudo de Manuela Bispo, vº da Grela".

Tamén atacaron o mosteiro de Aciveiro e o seu colexio, a igrexa de Cuntis e outras, polo que ás perdas de vidas humanas hai que engadir a perda dunha parte importante do noso patrimonio cultural.

O xuíz Juan Antonio de la Vega, xunto con Pedro Bazán de Mendoza e outros afrancesados que fuxiron co exército francés ao retirarse de Galicia, foi declarado traidor á patria pola Junta de Galicia (Diario de La Coruña, 18/7/1810).

Porén, ao acabar a guerra e trala amnistía, Juan Antonio de la Vega tornou de Francia e en 1816 foi nomeado de novo xuíz no mesmo lugar, onde o estivera cos franceses, sen que tivera que resarcir o dano causado.

¿Tras un gran conflito político, mesmo con perda de vidas humanas, convén sempre aplicar unha amnistía completa?

Compartir el artículo

stats