Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tono Arias: "A sociedade ten que valorar o traballo dun fotógrafo e ver que é un posto de traballo"

Dono da galería Dispara, organizou na Estrada exposicións e debates fotográficos

Tono Arias, presidente da FOG, na súa galería Dispara da Estrada. // Bernabé/ Luismy

Tono Arias, residente no Concello de A Estrada e dono da Galería Dispara, pasa ser o presidente da Asociación de Fotografía Galega (FOG), que xurde para defender os dereitos laborais dos fotógrafos e loitar contra o intrusismo que os ameaza.

-Como afronta a presidencia da FOG?

-A FOG é unha asociación que está comezando. É unha organización horizontal e democrática na que todo o mundo é o mesmo. A min tocoume ser presidente durante dous anos porque saín escollido entre os meus compañeiros pero, en realidade, traballamos todos igual e sen distincións. O único sería que igual me toca dar a cara ante os medios, nada máis.

-Que obxectivos se marca como presidente para este colectivo?

-Primeiro de nada, na FOG estamos co tema da captación de socios. Ata o momento levamos medio cento pero queremos seguir medrando. Presentámola días atrás en Vigo e pronto seguiremos coa xira provincial de presentación. O seguinte paso será comezar a facer un plan de traballo do que é a FOG, o que vén sendo facer un análise do sector e analizar cales son as nosas carencias e qué debemos facer para mellorar. Ademais, queremos entrevistarnos coas distintas institucións para comentarlle que estamos presentes e estaremos atentos coa actualidade. Tamén lles brindamos o noso asesoramento para cando teñan algunha dúbida, como por exemplo nas bases de concursos fotográficos. Moitas empresas presentan un concurso de fotografía e o que fan é facerse cun arquivo de imaxes gratis. Iso é competencia desleal. Xa desde unha privada depende dos seus valores, pero desde unha institución pública iso non é nada lícito. Tivemos algunha xestión coa Deputación de A Coruña e co concello de Tomiño, en Pontevedra, por problemas de este tipo. Conseguimos que cambiasen as bases dos concursos que presentaran dialogando, que diso se trata. Na FOG é todo voluntarismo, non cobramos nada por estar aí. Entón hai que ir pouco a pouco dedicándolle o tempo que nos permita. Este é un proxecto a longo prazo. Queremos que sexa un punto de referencia para a xente que comeza, que sae dunha academia e quere acudir a un sitio para informarse antes de comezar a traballar. Tamén temos a outra parte da FOG que é o patrimonio, na que queremos vixiar o patrimonio inmaterial que hai de moitos fotógrafos e poñer iso en valor.

-Como ve o futuro para os fotógrafos?

-Supoño que o boom das novas tecnoloxías afectounos moito no sector fotográfico pola fotografía dixital. Afectou negativamente porque moitas empresas cerraron e tamén positivamente porque outras persoas tiveron acceso á fotografía e así xurdiu moita xente que igual sen a fotografía dixital non xurdía. A nivel de fotografía de prensa, véxoo moi complicado. Creo que ou cambia moito ou desaparecerá, porque os medios non están pola labor de pagar. A fotografía de prensa ten o problema de que agora todo é accesible cun móvil, todo é inmediatez. Realizas unha foto na rúa de calquera cousa, súbelo á rede ao momento, o xornal ve a publicación, pídeche se a pode utilizar e xa está. Ningún fotógrafo cobrará nada porque xa empregaron unha fotografía gratis. As institucións, as empresas e a sociedade en xeral non valoran o traballo real dun fotógrafo e non se dá conta que é un posto de traballo. É dicir, se ti fas un traballo que outra persoa regala ninguén vai pagar polo teu. Aquí lévase moito o de non me toques o meu, no dos demais fai o que queiras.

Compartir el artículo

stats