Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A paixón por recuperar o rural máis tradicional

A Eira da Xoana loita pola práctica e difusión das actividades e técnicas agrarias que se empregaban anos atrás en Galicia

Algúns visitantes na pasada edición da feira de outono en Ramil. // Bernabé/Luismy

Fai nove anos que dous veciños da parroquia de Ramil, en Agolada, Marcial Barral e un sobriño dos antigos donos, decidiron adquirir unha humilde casa do século XX para restaurala. Tras negociar a súa compra, levaron a cabo unha intensa labor de recuperación do lugar, que se atopaba en ruinas polo seu abandono durante máis de 40 anos, e estaba cuberto por xestas, toxos e silvas. A restauración levouse a cabo conservando na maior medida do posible a estructura orixinal, unha vivenda creada para sobrevivir coa producción propia. As que no seu tempo foran as cortes convertéronse na sala de exposicións e actividades, pero consérvase o cortello dos porcos ao carón da xanela da cociña, e tamén o forno e a pía onde se picaban os toxos para alimentar ós cabalos.

Así, volveron darlle vida á Eira da Xoana, un lugar no que agora un grupo de veciños se reúne para a recuperación das tradicións e a posta en valor da cultura, o medioambiente e o sector agrícola de Galicia. A formación da agrupación vén impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), encadrado dentro do proxecto Aldeaverde, coa intención de aproveitar o potencial das zonas rurales.

Eira da Xoana conta cuns dez colaboradores, que proceden de diferentes puntos de Galicia e atopan na casa unha maneira de voltar atrás no tempo e gozar do pracer de facer actividades como se facían antes. Os seus asociados van en contra do consumismo, prefiren caminar ou coller a bicicleta, conformarse co xusto e necesario para vivir, plantar as súas propias hortas ecolóxicas e disfrutar da vida campestre.

Nun par de semanas, acudirán a realizar a recollida de trigo Callobre, unha variedade autóctona, que sementaron nunha das fincas que posúen o pasado mes de marzo. O proceso seguirá un método ecolóxico e realizaráse a man, sen axuda de maquinaria agrícola. Deberán segar e logo colocar a palla en mollos e conservaránse en medas para que non se mollen e poder dispoñer de palla para outras actividades. O seguinte paso será o de mallar o trigo, para conseguir separar a palla do gran. Unha vez realizada esta limpeza, conservaráse parte para a sembra do ano que vén e o restante empregaráse nun obradoiro para a fabricación de pan, para completar o proceso. Desta maneira, levan a cabo unha tarefa que require experimentar o traballo de maneira lúdica e ensinándolles novas habilidades para aqueles que descoñecían este proceso.

A localización da Eira da Xoana, no corazón de Galicia, permite que os participantes acudan ás actividades dende diversos puntos da comunidade. Os primeiros sábados de cada mes organizan tardes de canto, pandeireta e danza galega. Tamén levan a cabo dúas feiras ao ano, unha que coincide co solsticio de verán a finais de xuño e outra co equinocio de outono, en outubro. Nesta xornada colócanse diversos postos de productos ecolóxicos, hai lugares onde comer e ofrécense unha ou dúas charlas informativas de concienciación sobre temas agrícolas como a situación do mercado do leite ou a plantacións de certas especies de árbores.

En agosto celebrarán a Festa da Cabra, festividade recuperada polos veciños de Ramil hai uns vinte anos, á que se suman os participantes da Eira da Xoana. Poderán comer cabrito e pasar o día xunto a coñecidos, amigos e familiares, podendo recuperar así unha interesante tradición.

Adega é a única entidade que axuda económicamente a financiar as actividades, pero reciben puntualmente doazóns por parte de participantes ou xente que se sinte afín á causa e tamén defende os seus ideais. Con estes cartos conseguiron comprar un castro ou un terreo onde realizaron a sustitución de eucaliptos por castiñeiros. Ademais, reciben pequenos aportes voluntarios por parte dos asistentes ás tarefas organizadas. A Eira da Xoana funciona ao igual que unha ONG, permitindo aos colaboradores desgravar parte do diñeiro aportado.

O vicepresidente deste colectivo de Agolada, Marcial Barral, conta que para os membros non supón un esforzo cubrir os custes, pois para eles trátase dun pasatempo e afición, pero que están en constante búsqueda de pequenas axudas de colaboración. "Nós organizamos os obradoiros e actividades tamén para o noso disfrute, e aproveitamos para adquirir coñecementos de xente moi profesional que logo podemos poñer en práctica na nosa vida diaria", conta.

O grupo encóntrase disposto a recibir a calquer persoa que comparta os seus ideais e quera sumarse á loita polo mantemento do rural galego e a súa tradición.

Compartir el artículo

stats