Leva un mes disfrutando da propiedade familiar que lle deixaron os seus pais en Anseán e probablemente regresará a Madrid, onde tén un piso, nos primeiros días do mes de setembro. Luz Pichel reparte o seu tempo facendo traballos na finca lalinense, pero tamén pendente dos seus netos e da vida cultural da cabeceira comarcal dezá. Non perdeu o peche da Bienal Laxeiro, da que fala marabillas nas redes sociais, agradecendo ao seu comisario o poder coñecer a obra de Wily " e doutros tantos e tantas artistas estupendas". O seu último traballo chámase Co co co u e acaba de colaborar no terceiro número de "Olga", a revista de poesía galega na capital de España.

-Fáleme do seu último libro...

-É un libro tatexo. Co co co u fai referencia ao xeito en que na zona de Lalín pechamos o "o", e por iso a referencia no título de escrita co "u". Pero como é tatexo, tén medo a falar e a decir as cousas, non hai que atreverse moito porque non hai moitas verdades hoxe, e hai que falar con coi, coidado. Por iso digo que é un libro totalmente tatexo.

-Cómo foi a experiencia de colaborar coa revista "Olga"?

-E a segunda vez que me chaman. Esta é unha revista moi recente, empezouse a facer en Madrid con xente como Vicente Araguas, Manuel Pereira e Rafa Yáñez entre os seus colaboradores. Eu participei sempre porque os poetas galegos en Madrid estamos como moi unidos. Somos moi distintos todos entre nós, pero xuntámonos unha vez ao mes, levámonos moi ben... Querémonos, vamos.

-Cál é a maior dificultade de facer poesía en galego en Madrid?

-A min gústame estar lonxe e escribir en galego. Paréceme unha experiencia moi interesante. Eu escribo en realidade na fronteira, como vivo, sempre de aquí para alá. Penso que en Madrid se acolle moi ben a poesía escrita en galego, moito mellor do que se pode pensar. Gosta. Supoño que é porque hai boa poesía en Galicia, e en Madrid as poetas tontas non son. Chus Pato, que é de Lalín, é unha referencia para as poetas de Madrid, por exemplo. Dalgunha maneira tamén é unha forma de facer patria. Cando fas poesía fas moitas cousas, se se pode facer patria coa poesía tamén se fai, por suposto.

-Non tén pensado facer traballos en prosa?

-Non teño idea de por qué elixín a poesía para escribir. Penso que non se elixe ser poeta. Teño unha novela empezada, case rematada, pero non teño ningún interese por ela. Non volvo a ela, tiña que revisala, pero non o fago. Sempre atopo poemas que escribir antes que ir aí. É o meu ser natural. Probablemente nunca rematarei a miña novela porque sempre hai algún poema que facer.

-Qué inspira a alguén que fai poesía nestes tempos tan estranos que estamos a vivir?

-Non sei se creo tanto na inspiración como no traballo, penso que é máis o traballo. Agora mesmo interésame moito o traballo coa lingua dentro da poesía, sexa en galego ou en calquer idioma. Penso que a poesía ten que ir por aí. Trátase de retorcer dalgunha maneira a linguaxe que se vai como acomodando a non decir case nada de tanto que a usamos. Interésame que a poesía estea situada no mundo no que estamos, que sexa unha poesía contemporánea tamén nos temas e pode ser perfectamente unha poesía política, unha poesía que pense. Os tempos convulsos son bós para a lírica, non son tempos malos porque hai moito de qué falar. É raro o día que non se che ocurren mil cousas das que poderías escribir. Se a poesía resulta mínimamente revulsiva, como debe ser, hoxe en día tén moito traballo.

-Ten agora algún novo proxecto literario en marcha?

-Si, pero os meus proxectos non se definen ata que están xa moi avanzados. Estou escribindo nun sentido, nunha dirección, pero non é definible facilmente como proxecto. Iso vén máis adiante porque tamén acabo de publicar un libro e non é o momento de ter xa un proxecto totalmente definido.