Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xa chega a Rapa das Bestas

Despois das festas na capital da vila, da comezo a cita de recoñecido prestixio, a festa de Interese Turístico Internacional

Baixada das bestas do montes ata Sabucedo, o ano pasado. // Bernabé/Luismy

Amigos lectores, como pasa o tempo, parece que foi onte cando despois de cinco días de troula, o luns ó remate do curro solidario e de tomar o polbo, cansos e resacosos nos despediamos en Sabucedo, con bicos e apertas, desexándonos saúde e sorte, e ata o ano que ven. De súpeto espertas do letargo e entras de cheo no verán. Verán cheo de festas, non hai parroquia que non celebre unha festa en tempo de estío. Despois das festas do padroeiro da capital da vila de A Estrada, San Paio, onde as mellores orquestras do noso País atraen a centos de novos e maiores a participar na troula.

Pero a festa con esencia, a festa grande, a festa de recoñecido prestixio, a festa de Interese Turístico Internacional, é a "Rapa das Bestas de Sabucedo". Da comezo o xoves pola noite coa entrega dos Premios Gala de Aloitadores. O pasado ano a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo concedeu a Luis Ferro este prestixioso galardón. O Venres ó mencer misa e despois desta, foguete e todos saímos cara o monte para axudar ós veciños de Sabucedo na dura labor de xuntar e baixar as bestas ata o cerre do Castelo, xa moi preto da parroquia. Que recordos entrañables, cando che ven á memoria o nobre xesto do aloitador que atopa un "bicho", poldro pequeniño, que con tan só unhas horas de vida, camiña pegado a súa nai e sen pensalo dúas veces bótalle a mau e o colga ó lombo, e o transporta deste xeito ata o cerre onde encontra á besta que dando relinchos busca a súa cría.

E chega o sábado, para moitos un dos mellores días, porque estamos na fin da semana, e a xente acude en gran número. Sabucedo énchese de milleiros de persoas que deambulan dun lado a outro, tomando o polbo, o churrasco, as riquísimas empanadas, carne o caldeiro etc. regados de excelentes viños. Á tarde entrada das bestas na parroquia de Sabucedo, e a continuación primeira rapa no curro. Domingo, día en que se celebra o curro de mañá, despois paseo pola fermosa parroquia de Sabucedo, contemplando os enormes murais onde se reflexa a festa da rapa. Xantar nunha das moitas polbeiras, ou mesmo aproveitar para dar un paseo pola beira do río, percorrendo os muíños e a fermosa ponte. E chegamos o derradeiro día onde remata a troula. A mediodía curro solidario, curro o que acude un número importante de persoas, chegando en máis dunha ocasión a enchelo. Logo xantamos o polbo e despedida e ata o ano que ven.

A importancia do acontecer da festa da Rapa das Bestas de Sabucedo, trasládase a outras provincias, comunidades, e mesmo a outros países. Sabucedo recibe xentes de medio mundo, isto queda demostrado no avultado número de fotógrafos e reporteiros acreditados para este evento, onde unha torre de Babel formase ó redor do curro, escoitándose o retintín do acento fermoso e expresivo das distintas linguas. Estes días en Sabucedo dispáranse máis fotos que en ningunha outra parte, cámaras, móbiles, e outros aparellos tecnolóxicos están a plasmar un recordo indeleble que formará parte de álbums familiares e mesmo en concursos e exposición.

Dende estas páxinas do FARO DE VIGO, aproveito esta ocasión para invitarvos a esta gran festa que se celebra desde tempo inmemorial, onde a besta e a natureza xogan un papel moi importante. Este ano celebrase os días os días 6, 7, 8, 9, e 10 de xullo.

Compartir el artículo

stats