Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

José Rafael Tato Lea: "Teño máis ánimos que o primeiro ano; o festival está asentado e sería pena perdelo"

Folk de Raíz cumpre mañá a maioría de idade, con Luar na Lubre como principal reclamo

Tato (esquerda), Ferreiro, Dono, Abalo, Bermúdez e Gañete (co cartel), organizadores. // Bernabé/Cris M.V.

Luar na Lubre, Zurrumalla, Sons da Mina e Asociación Cultural Retranqueiros actuarán mañá pola noite en Callobre, no festival Folk de Raíz, que dende hai dezaoito anos organiza a Asociación Cultural Regatos. "Non estamos pasando o mellor momento", admite o seu presidente, José Tato, referíndose á merma de axudas públicas para este tipo de citas musicais. Aínda a pesares de contar con menos orzamento, asegura que a festa estará garantida ata a mañanciña. Conta reunir a entre 2.000 e 2.500 persoas. Haberá una decena de postos de artesanía e servizos de pulpeiro, bocatería, venda de filloas e zona de acampada e aparcamento.

-Folk de Raíz cumpre a maioría de idade. Como describiría a evolución do festival dezaoito anos despois da primeira edición?

-Xa había moitos anos que tiña ganas de facer un día de música tradicional. Entón estaba na comisión de festas da parroquia e un dos membros quería facer tres días, cando sempre se fixeron dous. Foi cando propuxen dedicar un día a facer un festival folk. Con moitas reticencias e con moitas dores de cabeza, ó final deixáronmo facer.

-Por que reticencias?

-Porque hai xente que non cre na música tradicional, que non lle ten agarimo ó noso idioma nin ó noso país. É moi triste, pero é así. Costounos moito traballo, pero aquela primera edición saiu moi ben. Sorprendeu a propios e estraños. Entón foi cando decidimos facer a asociación cultural, que non ten nada que ver coa comisión de festas. O festival evolucionou moito. Agora mesmo non estamos pasando o mellor momento. Os festivais perderon moito porque caeron moito as subvencións. Chegamos a ter un orzamento de 23.000 euros e agora temos 13.000. Xa nos gustaría facer máis, pero non hai diñeiro para tanto.

-O festival é un día, pero vostedes traballan para el todo ano...

-Para financiarnos temos que facer foliadas ó longo do ano, vender camisetas, xuntar o que recaudamos na barra e hai bastantes donativos. Pero seguiremos, dende logo. Eu teño máis ánimo que o primeiro ano, se cabe. Agora é un festival que está asentado e que é coñecido en toda Galicia. Sería unha pena perdelo.

-Cantos están na organización?

-Dentro da asociación somos nove ou dez, pero temos xente que nos axuda igual. En total, traballamos durante o ano entre quince e dezaoito persoas.

-A data habitual do festival é o segundo venres de xullo. Por que se adiantou este ano?

-Para non coincidir coa Rapa das Bestas de Sabucedo. O 90% da xente que vai á Rapa vén o festival de Callobre. Se o mantiveramos sería un fracaso.

-Levan tempo procurando incluir a Luar na Lubre no seu cartel. Logránono no ano do seu 30º aniversario...

-Nunca lle dabamos chegado. Desta vez cedemos nós algo e eles tamén. O tema económico é importante, pero trataremos de recuperar para o próximo ano. Luar na Lubre vai facer un concerto de percorrido polos dezaoito discos que ten no mercado. Tocará as pezas máis emblemáticas. Este ano está arrasando en Galicia e fóra dela. Está enchendo en tódolos sitos. Está nun bo momento.

-A que hora comezará a soar a música?

-Primeiro tocará Retranqueiros, a pé de campo, entre as dez e cuarto e as dez e media da noite. Logo, no escenario, estará Sons da Mina, e sobre as doce e media ou unha da madrugada empezará Luar na Lubre. Rematará Zurrumalla e logo haberá foliada, coma sempre, ata o día. Sons da Mina e Zurrumalla viñeron tocar altruistamente ás foliadas que temos durante o ano, polas que pasaron trinta grupos. Gustaríanos que todos tiveran a posibilidade de vir ó festival, pero non conseguimos darlle cabida a todos.

Compartir el artículo

stats